35 persoas participan nos obradoiros de formación e emprego do Concello de Fene
21-10-2017
Xa están en marcha as tres accións de formación para o emprego impulsadas polo Concello de Fene, dúas delas en colaboración con outros municipios da banda sur da ría. Trátase dos programas Inicia II e Reinicia IV que comezaron o pasado 29 de setembro. Deles benefícianse un total de 35 persoas ás que se lles está ofrecendo capacitación teórica e práctica en campos como o das tubaxes metálicas, a carpintaría de mobles e a atención sociosanitaria. Juventino Trigo e Sandra Permuy achegáronse esta mañá á nave municipal de servizos para interesarse pola marcha do curso de estruturas tubulares e para recordarlle ao alumnado que, ao rematar, contarán con apoio do Servizo de Información e Orientación Laboral na busca dun emprego.
Nestes momentos desenvólvense dous programas financiados pola Consellería de Emprego e Industria dirixidos especificamente á mocidade e con tres áreas temáticas diferenzadas. Así, dentro do Programa Inicia II encádrase a actividade de tubaxes metálicas, que conta con 15 persoas menores de 30 anos inscritas no programa de Garantía Xuvenil.
Todas elas acaban de superar as materias transversais relacionadas coa seguridade e a saúde laboral e nestes días están xa cos conceptos dos que se ocupa a formación, comezando pola interpretación de planos. O curso finalizará en marzo e ata daquela tamén levarán a cabo un proxecto nun espazo público que, no caso de Fene, será o deseño, a fabricación e a montaxe das varandas das escaleiras de acceso a San Valentín pola Rúa Machuco.
O outro programa de formación para o emprego, denominado Reinicia IV, non ten límites de idade nin tampouco esixía o requisito de formar parte da Garantía Xuvenil. Está dividido en dúas especialidades con 10 persoas en cada unha delas. Unha ten lugar en Mugardos centrada na capacitación en atención sociosanitaria no domicilio, mentres que a outra proposta tamén se leva a cabo en Fene atendendo á formación en traballos de carpintería e de construción de mobles.
Ambas accións formativas durarán até o mes de xuño e, ao igual que co programa Inia II, valerán para obter unha certificación profesional xunto cuns coñecementos e unha experiencia "fundamentais para acceder ao emprego", tal e como remarcou Juventino Trigo. O rexedor local e Sandra Permuy -titular da área de Formación e Emprego- visitaron esta mañá o curso de tubaxes metálicas que se imparte na nave de servizos de San Marcos para intercambiar impresións co alumnado sobre os contidos do propio curso e sobre as expectativas laborais que teñen os participantes para cando rematen.
Na súa maioría ven posibilidades de traballo na industria auxiliar do naval malia recoñeceren que "a cousa está difícil se non vén carga de traballo", tal e como comentaba unha das alumnas. Algo no que tamén coinciden os representantes municipais que, con todo, explicaron que a axuda do Concello na busca de emprego non rematará coa oferta formativa, senón que se prolongará con apoio Servizo de Información e Orientación Laboral, tanto na busca activa como canalizando peticións das empresa. "A experiencia doutros anos demostra que hai moitas posibilidades de atopar traballo ao remate dos cursos. Incluso hai empresas que acoden ao Concello buscando persoas para cubrir postos que encaixan coa formación impartida", comentou Juventino Trigo.
Ademais dos tres cursos do Inicia II e o Reinicia IV -compartidos con Neda, Ares, Mugardos e Cabanas-, Fene tamén ten en marcha o Programa de Integración Laboral financiado pola Deputación da Coruña, a través do que foron contratadas 7 persoas durante catro meses para reforzar o traballo dos departamentos de obras e servizos.