O Concello de Fene licitará obras por valor de 418.000 euros nos próximos días
24-10-2017
As infraestruturas están incluídas no POS+ deste ano e no PAI de 2016
Proxectos listos, cartos dispoñibles e á espera dos correspondentes informes de Secretaría e Intervención. Ese é o estado da tramitación de catro expedientes de obras que suporán un investimento global de 418.000 euros e que, case con total seguridade, sairán publicados nestes días no Perfil de Contratante do Concello. Trátase de tres proxectos sufragados con cargo ao POS+ deste ano aos que se lle une un cuarto que contará con finanzamento do Plan de Aforro e Investimentos de 2016. As obras consistirán no reforzo da Rúa Alta e a reparación da rúa Ameneiral, xunto con melloras na escola unitaria de Magalofes e no acceso a Vilar do Colo. Porén, as de maior contía ocuparanse de redes de augas residuais, xa que máis de 304.000 euros irán parar ao saneamento no Feal e no Regueiro e á eliminación das verteduras do barrio de San Valentín.
Tal e como apuntaba esta mañá Juventino Trigo, "boa parte do POS+ ten toda a documentación técnica lista e só falta o trámite administrativo, que é cousa de días, para sacar a licitación este paquete de obras". O rexedor local sinala que, ademais destas actuacións, Fene tamén ten preparados outros catro proxectos incluídos no Plan Único de Concellos da Deputación deste ano. Serían a eliminación de verteduras e augas fecais no Carril -en Barallobre- e a instalación de illas ecolóxicas, o reforzo do firme no camiño de Mundín -Perlío-, na rúa Unión -Maniños- e no camiño de Lourenzá -en Limodre-.
A eles cómpre sumarlles os dous proxectos que se executarán co plan complementario nutrido coas baixas de anteriores contratacións: a mellora do firme e das infraestruturas soterradas desde Río Cádavo ás Chancas e a protección da marxe do río en Perlío para evitar corrementos de terras e danos na rúa paralela.
Proxectos todos eles que pasan en conxunto dos 263.000 euros pero que o Concello "deberá contratar e executar máis adiante". O que si se licitará de forma "inminente" é o outro paquete de obras do POS+. Son tres actuacións. A primeira delas ocuparase da reparación e a mellora da seguridade peonil na rúa Alta, xusto desde a súa conexión coa Travesa -que se acaba de amañar- ata a esquina do colexio Jorge Juan. O prezo de saída desta obra ascende a 78.356 €. Os outros dous programas financiados con fondos provinciais serán obras hidráulicas de saneamento, nun caso para eliminar as verteduras de augas residuais en San Valentín -156.089 euros- e, no outro, para instalar un sistema de saneamento por gravidade no lugar do Feal, en Magalofes, e no Regueiro, en Sillobre, cuantificado en 148.863 €.
Canda estas obras do POS+ 2017 licitarase con cargo ao PAI 2016 Complementario a ampliación de beirarrúas na rúa Ameneiral que, ademais, tamén se reforzará con aglomerado. Nese mesmo proxecto de infraestruturas públicas incluiuse o remate con formigón na escola unitaria de Magalofes e o reforzo do acceso ao Vilar do Colo desde Limodre. O prezo de licitación situarase en 34.807 euros, cos que se pecha un total de 418.115 euros en investimentos que, segundo o executivo local, sairán a contratación de inmediato.
Mellora do alumeado en San Valentín
Por outra banda, o Concello tamén está executando estes días as obras de reparación do alumeado situado entre a Praza de Torrente Ballester e o acceso ao pavillón da Xunqueira, en San Valentín. Os traballos estanse levando a cabo con recursos municipais, tanto económicos como humanos, e servirán para repoñer unha quincena de farois que levaban anos sen funcionar na zona verde que une a Avenida do Mar co paseo marítimo.