Un voto de calidade na Mesa de Idade impide que prospere a moción de censura presentada por PP e Somos Fene
27-10-2017
Para as 12.00h. do xoves 26 de outubro quedou fixado o pleno extraordinario no que debía votarse a moción de censura rexistrada o pasado 11 de outubro polo Partido Popular e os dous membros de Somos Fene contra o actual rexedor fenés, Juventino Trigo. Un pleno que ao seu cabo resultaría na súa substitución no cargo polo popular Gumersindo Galego pero que, finalmente, non se resolveu como estaba previsto. E é que a Mesa de Idade composta pola nacionalista Mariela Aguilar e a popular Rocío Bértoa rexeitou que se continuase coa sesión en base a un escrito presentado esta mañá polo partido Participación Democrática Directa (do que foron expulsados os dous edís de Somos Fene) no que se instaba a excluír do cómputo os votos de Xosé Manuel Bastida e de César Castro ou que, subsidiariamente, se suspendese a tramitación da moción. Isto último foi o que ocorreu grazas ao voto de calidade de Aguilar como membro de maior idade malia a oposición de Bértoa quen, visiblemente alterada, advertiu de que se estaba incorrendo en fraude de lei. Ese foi o momento de maior intensidade dunha sesión que ateigou o salón de plenos e que se desenvolveu sen incidentes.
Foi a secretaria accidental do Concello, Carmen López Villar, quen iniciou a orde do día e quen interviu durante máis tempo ao longo dos arredor de 50 minutos que durou o pleno. A técnica municipal leu os antecedentes do proceso de presentación da moción e, a petición de Mariela Aguilar, tamén leu o contido do texto suscrito ante notario polos 7 edís do PP e os dous de Somos Fene. Nel cualifícase o goberno encabezado por Juventino Trigo como "legal pero ilexítimo", sinalando ao rexedor obxecto da moción como un "alcalde fraudulento" logo de ter expulsado do goberno a PSOE e Somos Fene en 2016.
No argumentario da moción tamén se lembran as reprobacións presentadas en pleno contra o alcalde e enuméranse as razóns polas que, a xuízo dos asinantes, Trigo non debería continuar no cargo, como por exemplo a "falla de xestión" en cuestións como o PXOM ou a falla de orzamentos, aínda que o texto tamén se recollen outras obras e proxectos pendentes que, pola contra, si estarían executadas ou en marcha a día de hoxe.
Finalizado o relatorio da moción, a secretaria deu conta da proposición de Gumersindo Galego como alcalde e da súa aceptación como aspirante á alcaldía. Inmediatamente despois entrouse no punto 4 da sesión no que correspondería que a Mesa de idade comprobase o mantemento dos requisitos esixidos na Lei electoral para poder continuar coa moción.
Tras uns intres de intercambio de palabras entre Aguilar e Bértoa a micro pechado, a edila de maior idade tomou a palabra para sinalar que, á vista do escrito presentado esa mesma mañá polo partido Participación Democrática Directa de Galicia -que amparou a candidatura dos dous edís de Somos Fene-, non se estarían dando os requisitos legais para continuar a moción.
Como se lembrará, o PDD revogou a representatividade dos edís de Somos Fene trala anterior tentativa de moción de censura, aló polo mes de xuño. A raíz dela deuse conta no pleno de agosto do seu paso ao grupo dos non adscritos. Unha resolución recorrida no xulgado por Bastida e Castro que, recentemente, quedou suspendida cautelarmente polo Contencioso Administrativo.
O escrito rexistrado o xoves mesmo polo PDD afonda nesa cuestión incidindo en que os dous edís foron efectivamente expulsados das siglas que ampararon a súa candidatura e que, polo tanto -e á espera da resolución firme- "a votación da moción nesta circunstancia entraña un enorme risco para o interese xeral e pode ser causa de graves e tal vez irreparables danos ao normal funcionamento da Corporación" no caso de que a condición de non adscritos dos dous edís sexa ratificada pola xustiza. Para entender a dimensión do embrollo falta un dato: a consideración de non adscritos dos dous edís de Somos Fene condicionaría a viabilidade da moción de censura xa que, de acordo coa lei antitransfuguismo, xa non chegarían os 9 votos desta mañá -7 PP e 2 Somos- senón que o número se elevaría a 11.
Nestas circunstancias, o texto rexistrado polo PDD solicitáballe á Mesa de Idade que se excluísen do cómputo os votos dos edís de Somos Fene -co que o PP quedaría en minoría- ou, subsidiariamente, que se suspendese a tramitación da moción e a votación mentres non se resolva definitivamente o recurso presentado no xulgado.
Rocío Bértoa, visiblemente alterada, indicou que o pleno debía continuar posto que a moción xa fora lida. Un extremo no que foi corrixida pola Secretaria, quen apuntou que o feito da lectura do texto presentado polo PP e Somos Fene "non dá por si dereito a continuar", senón que é a Mesa quen ten competencia de comprobar que se cumpren os requisitos da lei electoral para proseguir coa sesión.
Mariela Aguilar tomou a palabra para explicar que "non procede continuar co debate e votación da moción de censura". Pola súa banda, Bértoa rexeitou a decisión de Aguilar asegurando que "a día de hoxe" si se estarían cumprindo as condicións legais para que a moción prosperase e alertando das "repercusións legais" que podería ter para a outra compoñente da mesa a súa postura, cualificada por Bértoa como "fraude de lei". A edila popular acusou ao BNG "e o seu alcalde" de tentar "perpetuarse no poder". Advertencias que caeron en saco roto, xa que Mariela Aguilar, facendo valer o seu voto de calidade, deu por finalizado o pleno e ordenou que se levantase a sesión.