Cinco peóns reforzan área de Servizos do Concello de Fene
03-11-2017
O Concello ten en marcha catro plans de formación e inserción laboral con cerca de medio cento de participantes
A área de Servizos do Concello de Fene reforzouse este xoves con cinco persoas máis que desenvolverán tarefas de mantemento en espazos públicos durante os próximos sete meses. Con esta nova incorporación temporal, o Concello eleva a 47 o número de participantes nos programas formativos e de mellora da empregabilidade que ten en marcha, o Inicia II, o Reinicia IV e o PIL provincial.
No seu primeiro día de traballo, as persoas contratadas fixéronse cargo do seu equipamento de protección e tamén recibiron formación en canto a seguridade laboral. Hoxe xa se puxeron mans á obra para mondar herbas e retirar terra acumulada tanto na praza do Alcalde Ramón Souto González como nas beiras do paseo fluvial do Cádavo.
Esta brigada de reforzo da área de Servizos traballararán como peóns e peoas de obras durante sete meses sobre un 75% da xornada laboral.
Desde finais de setembro un total de 35 persoas participan nos programas Inicia II -dirixido a mocidade menor de 30 anos inscrita no plan de Garantía Xuvenil- e Reinicia IV, que non ten límite de idade e que, igualmente, persegue fomentar a capacitación laboral. Son tres accións compartidas con outros municipios da banda sur da ría das que dúas se imparten integramente en Fene, unha relacionada coa montaxe de estruturas tubulares e outra coa carpintaría.
Tal e como lembra Juventino Trigo, "esta é a primeira vez na que Fene conta con dous obradoiros de emprego ao mesmo tempo". O rexedor explica que o Reinicia IV e o Inicia II "servirán para incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoas participantes", engadindo que estes cursos "tamén repercutirán na mellora de espazos e equipamentos públicos", dado que durante as prácticas se construirán as varandas para as escaleiras de acceso a San Valentín pola rúa Machuco e se fabricará mobiliario para o Concello.
Ademais dos obradoiros de emprego e deste programa especial de emprego financiado pola Xunta de Galicia, o Concello tamén botou man do Plan de Emprego Local 2016-2019 da Deputación da Coruña para contratar sete persoas adscritas ao departamento de Obras. Neste caso trátase dun plan de catro meses e un 74% da xornada laboral para seis peóns e un capataz.