O 16 de novembro doa sangue en Fene. Ti dás o tipo
14-11-2017
Segundo os datos do SERGAS, Fene alcanzou en 2016 unha taxa de 32 doazóns por cada 1.000 habitantes. Unha cifra que está por debaixo da marxe de entre 40 a 60 recomendada pola Organización Mundial da Saúde.
Por elo animamos á cidadanía a participar na campaña de doazón que se desenvolverá o xoves 16 de novembro diante do Concello. Alí estará aparcado o autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS), en horario de 9.30 e as 14.30h. e de 15.30 a 21.00h.
A doazón é un acto cómodo, sinxelo e que non prexudica a nosa saúde, permitindo a moitas persoas resolver graves problemas de saúde e, mesmo, salvar a súa vida. Para doar sangue só é preciso ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatites B ou C, sífilis ou SIDA).
Antes de doazón, un profesional médico do Centro de Transfusión de Galicia verifica o cumprimento destes requisitos, e realiza unha breve entrevista confidencial para descartar calquera aspecto que puidera impedir a doazón.
A doazón, que só dura uns cinco minutos e na que o material utilizado é estéril e dun só uso, permite obter 450 ml de sangue que, posteriormente, son divididos en tres compoñentes: plaquetas, plasma e glóbulos vermellos. Os compoñentes sanguíneos adoitan empregarse por separado polo que, cunha única doazón de sangue, o doador colabora coa recuperación de tres enfermos.
Para calquera consulta sobre a doazón de sangue ou coñecer os desprazamentos das unidades móbiles, o Centro de Transfusión de Galicia dispón da páxina web http://ctg.sergas.es e unha liña de atención telefónica gratuíta: 900 100 828.