O Concello dálle luz verde á contratación das obras do saneamento no Feal e no Regueiro
16-11-2017
O proxecto, incluído no POS+ da Deputación, licitarase en case 149.000 euros
A Xunta de Goberno Local de Fene acordou esta mañá iniciar o procedemento de contratación para construír dúas conducións de augas fecais no Feal, en Magalofes, e no camiño do Regueiro, en Sillobre. Trátase dun proxecto que permitirá conectar á rede de sumidoiros varias vivendas destes lugares. As obras están orzamentadas en 148.863,63 euros, financiados con cargo ao POS+ provincial deste ano. O prazo máximo de execución é de 4 meses.
O prezo e mailo prazo seguramente se vexan reducidos durante o proceso de licitación, onde as empresas adoitan xogar principalmente con estes dous factores para gañar os contratos. Trala aprobación por parte da XGL do inicio do expediente, agora falta que se publiquen as cláusulas técnicas e administrativas no Perfil de Contratante Municipal, o sitio web a través do que se poden seguir os pasos que vai dando un contrato desde que se convoca ata que se executa.
O proxecto sairá a contratación para unha actuación global en dous puntos do concello co obxectivo de levar o saneamento a vivendas que quedan preto da rede xeral nos lugares do Feal e do Regueiro, en Magalofes e Sillobre respectivamente.
En ambos casos instalarase unha tubaxe soterrada de 315mm. de diámetro seguindo as cunetas da beira da estrada, que unha vez rematadas, serán repostas deixando pozos de rexistro en todo o trazado que permitan acceder á instalación por se houbera que desatoala ou reparala no futuro.
No Feal colocaranse 711 metros de tubaxe e unha quincena de rexistros de distintos tamaños. O trazado sae das últimas vivendas deste núcleo de Magalofes e baixa ata O Pedrón para conectar unha ducia de vivendas co colector que vai paralelo á estrada DP-3503, xusto ao carón do local social e da antiga escola.
A obra camiño do Regueiro, en Sillobre, levaralle o saneamento a outros sete inmobles situados a un e outro lado da pista. Aquí só será necesario soterrar 156 metros de tubo e farán falla catro pozos de rexistro.
Tal e como sinalaba esta mañá Juventino Trigo, as obras buscan "continuar ampliando a rede municipal se saneamento". Neste sentido, o rexedor lembrou que con cargo ao POS+ deste ano tamén se ten previsto levar adiante a eliminación de verteduras de augas fecais no Carril, en Barallobre, e en San Valentín.