O pleno de Fene aproba a distribución do POS+

O pleno de Fene aproba a distribución do POS+

A contía total para gasto corrente e investimentos supera o millón de euros

A Corporación fenesa reuniuse esta mañá nun pleno extraordinario para darlle o visto e prace á distribución dos fondos do Plan Único de Concellos POS+ 2018 da Deputación da Coruña, que reservaron preto de 795.000 euros para o municipio.
 
Esta contía irá parar a gasto corrente, ao pagamento de facturas e tamén a obras, a través de cinco proxectos aos que cómpre sumarlles outros dous do plan complementario por valor de 238.000 euros. A proposta de reparto saiu adiante cos votos favorables dos partidos do goberno e un único apoio por cada grupo da oposición, mentres que o resto de concelleiros e concelleiras se abstivo.

A sesión levaba como únicos puntos na orde do día a votación sobre a urxencia da convocatoria e a aprobación da participación municipal no POS+. Dous asuntos que prosperaron malia os reproches da oposición cara ao grupo de goberno por non ter preparados e discutidos os proxectos con máis antelación, habida conta de que toda a documentación técnica deberá estar presentada mañá na Deputación.

A Fene correspondéronlle este ano 794.907,09 euros en tres apartados: 277.171 de achega para a anualidade 2018, outros 271.941 de fondos provinciais habilitados este ano con remanentes de 2016 e, por último, unha axuda en forma de crédito sen xuros por valor de 245.793 euros. Segundo as bases do propio programa provincial, o Concello ten certa marxe de manobra para mover as partidas dependendo da súa finalidade, xa sexa cubrir gasto corrente, amortecer débeda, obras ou outros investimentos financeiramente sostibles.

Deste xeito, a gastos correntes  e a pagamento a provedores irán parar 262.000 euros. Unha decisión que lle deixará liberdade ao Concello para levar adiante con recursos propios outros investimentos, como por exemplo a cobertura da pista polideportiva de Centieiras, que tamén entraría entre as previsións de execución municipal no ano que entra.

Para obras financiadas cos cartos do POS+ destínase a partida da achega provincial de 2017 e maila liña de créditos. Neste sentido está previsto executar por importe de 276.000 euros -4.500 asumidos polo Concello- o aglomerado da rúa Xunqueira e o acondicionamento de beirarrúas na marxe esquerda de Marqués de Figueroa, o reforzo do firme nas rúas Peirao e Hortelá, e a pavimentación nas rúas Coto Pequeno e Penela -Limodre-, incluíndo nesta última obra a rede de saneamento e de abastecemento de auga.

Por outra banda, 218.000 euros do préstamo provincial servirán para reformar a pista polideportiva de San Valentín e para renovar as tubaxes da subministración de auga na zona do cruce de Fene, concretamente na confluencia da Avenida das Pías con Marqués de Figueroa e a rúa do Sartego. Parte dos fondos crediticios -uns 27.000 euros- tamén se utilizarán para a redución de débeda con entidades financeiras.

Canda estes investimentos fixos, o Concello tamén aprobou o denominado "plan complementario" que, segundo as bases do POS+, obriga a ter en carteira proxectos financeiramente sostibles que sumen polo menos o 20% da cantidade total consignada pola deputación e que obterían finanzamento con fondos provenientes das baixas que se produzan nos procesos de contratación das outras obras. Neste caso a cantidade  ascende a 238.637,94 euros co obxecto de levar a cabo a reurbanización dos bloques II e V en San Valentín xunto coa renovación do firme na rúa Cooperación -170.600 euros- e a mellora dos parques infantís da Xunqueira, do Río Cádavo, no peirao de Barallobre e na rúa Curros Enríquez, en Maniños, orzamentada en 68.000 euros.

Sumando a achega de 2018, a de 2017, a liña de créditos e o plan complementario, Fene destinará a gasto corrente e obras  un total de 1.038.078 euros, que se verán complementados con outras actuacións financiadas con recursos propios e achegas doutras administracións.