O Concello asina convenios con Aspaneps, Cáritas e a Fundación Amigos de Galicia por valor de 16.500 euros

O Concello asina convenios con Aspaneps, Cáritas e a Fundación Amigos de Galicia por valor de 16.500 euros

A través de tres convenios suscritos hai escasos días, Cáritas recibirá 6.000 euros, a Fundación Amigos de Galicia outros 5.500 e Aspaneps -que posúe un centro ocupacional en Fene- obterá 5.000 euros. A contía total destinada a este apartado incrementouse un 22% con respecto ao ano pasado.

Segundo o alcalde, Juventino Trigo, a finalidade dos convenios é "apoiar o alto valor social do labor desenvolvido por estas entidades, que se traduce nun retorno para o territorio moito maior que calquera achega económica". O rexedor asegurou que Cáritas, Aspaneps e a Fundación Amigos de Galicia "son exemplo de solidariedade e de seriedade no traballo en favor da inclusión social".

De acordo coa distribución de fondos, Cáritas contará con 6.000 euros coas que continuar financiando as súas actividades, centradas na asistencia ás familias coas rendas máis baixas fornecéndoas de de roupa, alimentos e artigos de primeira necesidade.

Un cometido semellante é o que realiza a Fundación Amigos de Galicia, que ten como principal obxectivo garantir a axuda aos colectivos con limitacións económicas e sociais. A entidade -que percibirá 5.500 euros- ten en marcha o Plan Integral de loita contra a pobreza e a exclusión social, a través do que se lles facilita ás unidades familiares -especialmente as que teñen menores a cargo- a cobertura de necesidades básicas da vida cotiá.

Por outra banda, a Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psico-sociais (Aspaneps) é perceptora dunha axuda muncipal de 5.000 euros, destinados ao labor educativo e de inclusión que se leva a cabo no centro ocupacional de San Valentín e tamén co desenvolvemento do seu programa de saúde mental infanto-xuvenil. Aspaneps concíbese como un servizo de atención psicolóxica e social para a infancia e para as familias, pero tamén para persoas con discapacidade intelectual a quen a entidade lles axuda a adquirir maior autonomía persoal e a integrarse no mercado laboral.