O Concello aproba a Oferta de Emprego Público para a cobertura de 6 postos de traballo
29-12-2017
O catálogo presentado polo equipo de goberno obtivo o apoio maioritario da Mesa Xeral de Negociación que, deste xeito, lle dá luz verde á convocatoria de 6 prazas para a cobertura doutros tantos postos en distintos departamentos municipais.
A aprobación da oferta pública é o paso previo ao inicio dos respectivos procesos de contratación e debe ser ratificada e publicada antes do 31 de decembro de cada ano para que se poida recorrer a ela xa ao ano seguinte. De feito, unha vez aprobada a OEP, os concellos teñen un máximo de tres anos para cubrir as prazas ofertadas.
Iso si, nestes momentos a administración ten limitadas as posibilidades por lei tanto para a convocatoria de novos postos como para a reposición de persoal por causa, principalmente, das xubilacións.
Así, o Estado só permite repoñer nun 50% as vacantes existentes en servizos de carácter xeral e a posibilidade do 100% so está prevista de momento para postos relacionados cos servizos esenciais, como é o caso daqueles que teñen que ver coa seguridade cidadá, a sanidade ou a educación, entre outros.
Neste escenario, o executivo local presentou na Mesa Xeral de Negociación unha proposta que declara como dispoñibles dúas prazas para persoal funcionario de novo ingreso -unha de auxiliar administrativo e outra de peón- e outros catro postos de administrativo que se cubrirán mediante promoción interna.
O alcalde, Juventino Trigo, louvou "a boa disposición" da Mesa formada por representantes dos partidos políticos, dos sindicatos, da Xunta de persoal e do Comité de empresa "para levar adiante unha oferta pública que é moi necesaria para cubrir xubilacións que se produciron nos últimos anos, pero tamén para reforzar a área administrativa do Concello". O rexedor destacou que a proposta ratificada este xoves "por unha ampla maioría da Mesa" é, ademais, "a primeira que se aproba en Fene nos últimos 8 anos".
A intención municipal é "acelerar os procesos selectivos todo o que se poida" dentro dos prazos que permite a lei, coa finalidade de "continuar mellorando a capacidade do Concello para prestar os servizos que demanda a veciñanza".