10 empresas concorren ao contrato do saneamento no Feal e no Camiño do Regueiro

10 empresas concorren ao contrato do saneamento no Feal e no Camiño do Regueiro

 

A licitación da rede de sumidoiros do Feal en Magalofes e do Camiño do regueiro en Sillobre fixouse en preto de 149.000 euros, que se financiarán con cargo ao POS+ 2017 da Deputación da Coruña. O prazo máximo de execución de ambas infraestruturas fixouse en 4 meses. Un tempo que, xunto co prezo, seguramente se vexa reducido durante o proceso de adxudicación das obras.

Tanto no Feal como no Camiño do Regueiro os traballos consistirán na instalación unha tubaxe soterrada de 315mm. de diámetro seguindo as cunetas da beira da estrada, que unha vez rematadas, serán repostas deixando pozos de rexistro en todo o trazado que permitan acceder ás canalizacións por se houbera que desatascalas ou reparalas no futuro.

No caso do Feal o proxecto prevé a colocación de 711 metros de tubaxe e unha quincena de rexistros de distintos tamaños. O trazado sae das últimas vivendas deste núcleo de Magalofes e baixa ata O Pedrón para conectar unha ducia de vivendas co colector que vai paralelo á estrada DP-3503, xusto ao carón do local social e da antiga escola.

A obra camiño do Regueiro, en Sillobre, levaralle o saneamento a outros sete inmobles situados a un e outro lado da pista. Aquí soterraranse 156 metros de tubo e farán falla catro pozos de rexistro.

Estas dúas actuacións servirán para ampliar a rede pública de sumidoiros a dúas das zonas máis elevadas do municipio que, ademais, quedan nas proximidades de dous colectores xerais.

O importe total das obras forma parte da programación do POS+ 2017. Neste plan de obras provincial tamén se incluiu a eliminación de verteduras fecais no Carril -Barallobre- e en San Valentín. O Concello agarda licitar nestes días os dous proxectos.