Retiradas varias árbores do contorno do Eroski Center

Retiradas varias árbores do contorno do Eroski Center

 
As cortas na zona iniciáronse o pasado 21 de decembro e prolongáronse ata os días 28 e 29, cadrando cun aviso de forte temporal que obrigou a acelerar os traballos de retirada das árbores en previsión de que a súa caída puidese afectarlle a viandantes ou ás propias instalacións do mercado municipal xestionado pola distribuidora Eroski. 
 
Abonda acudir a Google maps para ver cal era a situación previa. As imaxes mostran unha esquina do edificio completamente cuberta pola copa das árbores que, ademais de dar sombra e tirar follas, tamén deitaban as súas pólas na cuberta.
 
En total retiráronse sete árbores, 5 salgueiros e 2 ameneiros, entre elas unha que quedara a medio caer por causa dos ventos que azoutaron a comarca nos últimos días do ano. A operación levouse a cabo co obxectivo principal de "garantir a seguridade das persoas que pasan por alí a diario e evitar que a posible caída dunha árbore lle afectase a bens próximos como o propio edificio do mercado ou os vehículos que están alí aparcados habitualmente", sinala Juventino Trigo.
 
O alcalde asegurou que a actuación municipal "estivo plenamente xustificada e amparada polo noso deber de evitar riscos innecesarios. O Concello ten a obriga de actuar ante alertas meteorolóxicas e máis aínda cando hai previsión de que este tipo de situacións se repitan durante todo o inverno". 
 
Desde o Concello apúntase, ademais, que "só se talaron os pés que supuñan un perigo" e que o aclareo serviu tamén para desmestar unha área de algo máis de 200 metros cadrados lindeira tanto co Eroski como cun inmoble particular "que tamén podería verse afectado polo desprendemento de pólas ou a caída de árbores".
 
Aínda que a maior parte da madeira e das pólas foron retiradas, trala corta das árbores deixáronse ao pé do Cádavo varias toradas co obxectivo de que nelas poida asentarse fauna miúda e insectos en perigo de extinción coma os escornabois.