O Concello de Fene insta á Xunta a que limpe a maleza nas marxes da estrada da Palma

O Concello de Fene insta á Xunta a que limpe a maleza nas marxes da estrada da Palma

O punto quilométrico 2,5 da AC-133, máis coñecida como a estrada da Palma, leva varios días sen alumeado público na marxe esquerda en sentido Fene-Maniños. Segundo informa o departamento de Obras e Servizos , na zona están producíndose constantes cortes motivados pola rozadura das  árbores nos cabos que van de farol a farol. O Concello contactou verbalmente e por escrito coa Consellaría de Infraestruturas e Vivenda para que tome cartas no asunto, dado que a masa vexetal se encontra en terreos de dominio público afectados pola estrada de titulariedade autonómica. Neste sentido, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, remitiulle á Xunta unha petición formal para que se poden as árbores, acompañando a misiva cun informe da Policía Local onde se pon de manifesto o perigo que supón a falla de alumeado "tanto para os condutores como para os peóns", así como o risco de accidentes por mor das condicións de humidade que produce a sombra da maleza.

"As  árbores están rozando constantemente nos cables do alumeado público e por causa desa fricción nalgúns puntos os fíos condutores quedaron ao aire. En condicións de chuvia como as destes días, se unha póla toca os cables o habitual é que se produza unha derivación a terra da electricidade, saltan os sistemas de protección e o alumeado apágase. Iso pasou varias veces nas últimas semanas. A única solución é que a Xunta, como titular dos terreos, pode as árbores para despois poder reparar o tendido e restablecer o servizo con normalidade", explica Juventino Trigo.

O alcalde lembra que o problema "trasladóuselle verbalmente ao persoal de mantemento da Consellería en numerosas ocasións sen que ata o momento houbese ningún tipo de resposta". Por este motivo agora a petición fíxose por escrito e acompañándolle copia á Xefatura provincial de tráfico "para que teña constancia dunha situación que, en último caso, produce inseguridade para o tráfico e os peóns". Segundo Trigo, a maleza non só provoca fallos na subministración, senón que tamén "come literalmente algúns farois, ata o punto de que algúns deles non se sabe se están encendidos ou apagados no medio das pólas."

Alén da falla de luz, as árbores tamén proxectan sombra sobre a estrada durante todo o inverno, creando as condicións ideais para que se produzan accidentes. Este extremo aparece reflectido nun informe elaborado pola Policía Local -que tamén se lle enviou a Infraestruturas e a Tráfico- onde os axentes certifican que "a maior parte desta vía permanece un gran número de horas sombreada por mor da grande cantidade de árbores e maleza existente na marxe leste. Esta circunstancia produce un aumento da humidade no pavimento, que con seguridade é un dos factores que afecta ao alto número de accidentes rexistrados nesta estrada".

O tramo ao que se refire o informe da Policía Local e onde se producen os cortes constantes do alumeado encóntrase á altura do quilómetro 2,5 da estrada da Palma -a AC 133-, concretamente na zona do Cocallo, desde uns 75 metros antes e ata uns 75 metros despois do viaduto da liña de ferrocarril Ferrol-Coruña.

Desde o goberno local agardan que a petición formal remitida á Xunta "teña un efecto inmediato", posto que, como comenta Juventino Trigo, "a Consellería, como responsable de manter limpa a zona, debe poñer os medios para solucionar unha situación que, ademais de ser perigosa para a circulación, lle está ocasionando inconvenientes á veciñanza e ao Concello".