O período medio de pagamento a provedores situouse en Fene en 24,46 días durante o cuarto trimestre de 2017
05-02-2018
O último informe elaborado pola Tesouraría-Intervención municipal de Fene para render contas perante a Xunta e o Ministerio de Facenda ao respecto da morosidade e do período medio de pagamento de facturas apunta a que o consistorio cumpriu coa normativa no último trimestre de 2017. Nela márcase un prazo máximo de 60 días para aboar as facturas desde o momento en que entran por rexistro e de 30 días desde que son aprobadas pola Xunta de Goberno Local. Fene axustouse a ambos prazos, cunha media de morosidade de 58,14 días e un período medio de pagamento que se situou en 24,46 días. Ademais, o Concello tamén pechou o ano cun balance de tan só 8 facturas pendentes de aprobar por un importe total de 33.693€, a cifra máis baixa dos últimos anos.
Os datos de morosidade e do período medio de pagamento a provedores acadados no último trimestre de 2017 veñen confirmar a boa marcha do ano no cumprimento das obrigas con provedores, que só viu incrementado o promedio estatístico entre os meses de xullo e setembro por mor dun recoñecemento de facturas de anteriores exercicios que non contaban con partida orzamentaria asignada. Aínda así, e segundo consta no informe de Tesouraría-Intervención, tamén nese terceiro trimestre se logrou manter a morosidade por debaixo dos 60 días.
En canto aos meses de outubro, novembro e decembro, os servizos económicos municipais achegan datos que cadran coa tendencia contención dos prazos mantida durante a primeira metade do ano, cun tempo medio de pagamento de 21,5 días entre xaneiro e marzo e de 27,98 de abril a xuño.
Así, o período medio de pagamento no cuarto trimestre quedou en 24,46 días, unha cifra que mellora considerablemente o resultado do mesmo momento de 2016 -31,46 días- e que rebaixou en máis da metade o dato do cuarto trimestre de 2015. Daquela -e segundo a información contable- a media de pagamento de facturas era de 61,55 días despois de ser aprobadas pola Xunta de Goberno Local.
Se se fixese unha media de todo o ano tomando os resultados dos catro trimestres daríanos que Fene mantivo o nivel de morosidade en 49,8 días -10,2 días por debaixo do límite marcado por lei- e que o tempo medio de pago dos doce meses de 2017 estivo en 28,9 días, é dicir, 1,1 días por debaixo dos prazos legais a pesar de terse sobrepasado o límite no terceiro trimestre.
Alén dos datos reflectidos no informe trimestral de morosidade e do período medio de pago, o Concello tamén finalizou 2017 cun bo resultado en canto a pagamentos pendentes. De feito, a día 31 de decembro só quedaban por aprobar 8 facturas por distintos conceptos e un valor global de 33.693€.