Fene Mar Vivo

Fene Mar Vivo

O Concello de Fene e a Confraría de Barallobre desenvolven conxuntamente o proxecto Fene Mar Vivo, con apoio de fondos europeos xestionados polo GALP Golfo Ártabro Norte. Trala presentación da iniciativa ao tecido social do pasado mes de decembro, agora o equipo técnico inicia a fase de traballo en colaboración coas entidades e empresas que realicen accións potencialmente dirixidas a persoas que visiten o municipio ao longo do ano.

Fene Mar Vivo pretende ser o arranque dunha rede de cooperación permanente entre todos os actores sociais e empresariais do territorio coa finalidade compartida de poñer en valor os produtos, a cultura e as actividades vencelladas ao traballo no mar como factor de desenvolvemento económico asociado principalmente ao turismo.

Neste sentido, a convocatoria fixada para este xoves vai dirixida a aloxamentos, restaurantes, empresas de actividades, asociacións culturais ou veciñais, e calquera persoa que estea interesada en participar na rede, xa sexa para achegar a súa experiencia ou para propor ideas e inquedanzas susceptibles de ser incorporadas ás liñas de traballo.

Para obter máis información sobre o proxecto ou sobre o contido da xuntanza pódese contactar co equipo técnico a través do correo rede@fenevivo.gal.