Ti das o tipo. Doa Sangue
26-02-2018
O sangue non se pode fabricar e so é posible obtelo grazas á doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a saúde.
Todos os días o precisan moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro, leucemia, transplantes de órganos...
Desde 1985, a doazón de sangue por lei é un acto voluntario, altruísta, anónimo, universal e gratuíto.
Cada día, os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para atender unha media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.
Fene alcanzou en 2016 unha taxa de 32 doazóns por cada 1.000 habitantes. Unha cifra que está por debaixo da marxe de entre 40 a 60 recomendada pola Organización Mundial da Saúde.
Por elo animamos á cidadanía a participar na campaña de doazón que se desenvolverá hoxe luns 26 de febreiro diante da farmacia de San Valentín . Alí estará aparcado o autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS), que atenderá entre as 15.30 e as 21.00h.
A doazón é un acto cómodo, sinxelo e que non prexudica a nosa saúde, permitindo a moitas persoas resolver graves problemas de saúde e, mesmo, salvar a súa vida. Para doar sangue só é preciso ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatites B ou C, sífilis ou SIDA).
Antes de doazón, un profesional médico do Centro de Transfusión de Galicia verifica o cumprimento destes requisitos, e realiza unha breve entrevista confidencial para descartar calquera aspecto que puidera impedir a doazón.
A doazón, que só dura uns cinco minutos e na que o material utilizado é estéril e dun só uso, permite obter 450 ml de sangue que, posteriormente, son divididos en tres compoñentes: plaquetas, plasma e glóbulos vermellos. Os compoñentes sanguíneos adoitan empregarse por separado polo que, cunha única doazón de sangue, o doador colabora coa recuperación de tres enfermos.
Para calquera consulta sobre a doazón de sangue ou coñecer os desprazamentos das unidades móbiles, o Centro de Transfusión de Galicia dispón da páxina web http://ctg.sergas.es e unha liña de atención telefónica gratuíta: 900 100 828.