O Concello entrégalle un desfibrilador á Agrupación de Protección Civil
27-02-2018
O dispositivo é o primeiro deste tipo co que conta o equipo de voluntarios e voluntarias, que nuns días recibirán a formación necesaria para a súa utilización. Os DESA son aparellos moi pequenos e relativamente doados de manexar. Estímase que o seu emprego nos 10 minutos posteriores a unha parada cardio-respiratoria incrementa nun 70% as posibilidades de supervivencia dunha persoa ferida. Na actualidade a agrupación local de Protección Civil de Fene está integrada por 12 persoas que contan, entre outro equipamento, con tres vehículos e un carro de emerxencias. Neste 2018 fanse os 20 anos da súa creación e só no ano que acaba de rematar atenderon 165 servizos.
Tal e como comenta a xefa do grupo, Sandra Martínez, a súa función non se limita unicamente a prestar apoio ás forzas de seguridade e de urxencias "para as que estamos dispoñibles as 24 horas dos 365 días do ano", senón que tamén "se colabora co Concello, as entidades veciñais e os colexios" naqueles eventos que organicen. Ademais, o labor de Protección Civil de Fene abrangue o traballo coa rapazada a través dos cursos que se imparten no Parque de Educación Viaria de Barallobre, o único deste tipo en toda a comarca.
Nestes momentos o grupo fórmano 12 persoas "totalmente voluntarias, aquí ninguén cobramos nada", aclara Martínez ao tempo que engade que o labor require vontade e entrega: "isto ten que gustarche moito, se non ninguén o faría". A falta de compensación económica, participar en Protección Civil ten outras contraprestacións, como a posibilidade de adquirir formación gratuíta para saber actuar nunha situación de emerxencia."Son cursos da Academia Galega de Seguridade Pública que están homologados e que despois poden dar puntuación nunha oposición para policía ou para o corpo de bombeiros", explica Sandra Martínez.
A Agrupación de persoas voluntarias de Protección Civil de Fene está aberta a novas incorporacións. Para informarse sobre os pasos que se deben dar abonda con contactar co Concello. A partir de aí só se pide un certo compromiso -non hai prazos máximos nin mínimos de permanencia no grupo, xa que se trata dunha actividade voluntaria- e superar os cursos de capacitación ofrecidos pola AGASP: "primeiro faise un curso básico que comprende todo o relativo a primeiros auxilios e seguridade e, posteriormente, cada persoa pode ir especializándose no que queira, como por exemplo na resposta ante accidentes de circulación ou ante incendios".
Esta mañá o alcalde, Juventino Trigo, entregoulle á agrupación un desfibrilador automático doado pola Xunta, que distribuiu nos últimos días outros 156 equipos deste tipo entre brigadas de bombeiros, GES e grupos de Protección Civil de toda Galicia.
O aparello ten unhas dimensións similares ás dun maletín de man. Está deseñado para poder reanimar unha persoa que sufra unha parada cardio-respiratoria como paso previo ao seu traslado urxente a un centro sanitario onde poida ser estabilizada. Aínda que nos últimos tempos se están instalando numerosos equipos semellantes en campos de fútbol, centros comerciais e outros lugares concorridos, a súa utilización debe ir sempre acompañada dunha formación específica en prácticas de soporte vital básico. Saber manexar o desfibrilador e saber tamén como enfrontarse a unha parada cardíaca incrementan nun 70% as posibilidades de supervivencia da persoa afectada.
Neste sentido, os membros de Protección Civil de Fene acudirán nos próximos días a unha sesión de 4 horas para coñecer en detalle o funcionamento do seu novo equipo DESA, así como os coidados que require para mantelo sempre en perfectas condicións de traballo.