O Concello licita a reparación do camiño do Cádavo ás Chancas e outras tres pistas da rede municipal
28-02-2018
Os proxectos, cuantificados en 146.000 euros, finánciase con cargo ao POS+ 2017
O Concello de Fene ten en marcha os procesos de contratación de dous proxectos de mellora da rede viaria incluídos no POS+ provincial de 2017. O primeiro deles servirá para reparar as infraestruturas soterradas e aglomerar un tramo de 235 metros entre a rúa Río Cádavo e a das Chancas, en Perlío, mentres que o segundo programa de obras abrangue o amaño do Camiño de Mundín -tamén en Perlío-, da Rúa Unión -Maniños- e do Camiño de Lourenzá, que comunica en Limodre a estrada de Cabanas coa de Redes. O total económico de ambos proxectos ascende a algo máis de 146.000 euros.
As obras de maior envergadura serán as que se leven a cabo no camiño do Cádavo ás Chancas que, en realidade, comprende tres rúas: o tramo final da rúa Río Cádavo -onde hai uns meses se fixo unha reparación provisional-, a rúa Baixa e a propia rúa das Chancas. Nelas prevese substituír o firme parcheado durante anos por un novo de aglomerado. Porén, antes diso executarase unha completa renovación das canalizacións soterradas, tanto da subministración da auga como do saneamento.
As obras licitáronse mediante procedemento negociado con publicidade cun prezo de saída de 107.148 euros, ive incluído, que irán parar na súa maior parte ás operacións de substitución de toda a infraestrutura hidráulica soterrada ao longo de case 300 metros, onde será necesario erguer todo o firme para sacar as antigas tubaxes de fibrocemento do abastecemento de auga -que sufrían roturas constantes- para cambialas por outras novas.
Xunto coa instalación dunha nova rede de abastecemento, a obra tamén ten previsto soterrar un novo entramado de sumidorios que separe as augas fecais das pluviais co obxectivo de mellorar nesa parte de Perlío o sistema de saneamento. A obra finalizará cunha capa de rodadura de aglomerado asfáltico que deixe as tres rúas listas para varios anos.
Pistas en Perlío, Maniños e Limodre
O outro proxecto que tamén está en fase de contratación centrarase na reparación do tramo do Camiño de Mundín que une ao longo de 720 metros o antigo lavadoiro co cruzamento da estrada que leva ao campo de fútbol dos Pinares, en Perlío.
No mesmo paquete tamén se incluiu o amaño de 330 metros da Rúa Unión, en Maniños. Trátase do trazado que vai desde a ponte do río Baa ata a entrada do Centro de Saúde e, desde alí, ata a conexión coa estrada da Palma, por onde se accede ao grupo escolar Curros Enríquez e ás instalacións da S.C.R. O Pote.
A última pista recollida neste proxecto de arranxos viarios é o Camiño de Lourenzá, en Limodre, que une a estrada de Cabanas coa de Redes á altura dos almacéns Antonio Blanco. A pista, duns 170 metros, presenta un firme irregular por causa do tránsito que soporta, posto que é o principal atallo para cambiar da AC-122 á AC-124 (e viceversa) sen ter que ir dar a volta ao semáforo do Cotillón situado 350 metros máis abaixo.
Nos tres casos a obra consistirá na limpeza das cunetas, a reposición do firme con rego asfáltico e a adaptación das arquetas existentes en cada lugar. O prezo das actuacións está orzamentado en 38.872 €, financiados tamén con cargo ao POS+ provincial de 2017.