Luz verde ao reforzo da ribeira do Cádavo
04-03-2018
As obras de reforzo na marxe do Cádavo desenvolveranse sobre unha distancia duns 65 metros, desde o cruce coa rúa Cardoeiro ata pouco antes das vivendas de Astano. Malia tratarse dunha distancia relativamente curta, o proxecto é dunha elevada contía económica, máis de 79000 euros - xa que non só será necesario recompoñer a base do camiño, senón que tamén haberá que poñerlle remedio á acción erosiva do río construíndo unha escolleira.
O problema ao que agora se lle dará solución vén de vello. Durante anos a auga foi comendo a ribeira ata o punto de producir pequenos corrementos de terra que lle afectaron á base da estrada, facendo perigoso o tránsito rodado e incluso o peonil na banda máis próxima ao río. Tamén veñen de vello as queixas da veciñanza, quen reclamou en varias ocasións labores de reparación definitivos.
As actuacións concretas consistirán, en primeiro lugar, na limpeza da zona para sanear o subsolo, por onde discorre a canalización da rede de abastecemento de auga, que será substituída aproveitando os traballos. Posteriormente farase un muro de contención con bloques de pedra que freen o desgaste da ribeira por mor da auga e que lle dean á estrada un apoio firme. O remate estructural farase compactando o oco da obra con material de recheo antes de volver aglomerar a superficie, na que quedarán unha arqueta cunha chave de paso para a subministración de auga potable así como dous sumidoiros que recollan a auga da chuvia.
Os traballos finalizarán coa colocación dunha varanda de protección fixa ao longo de todo o trazado en substitución da existente que, ademais de ter unha altura escasa, tamén se encontra moi danada polos corrementos de terra e polas rozaduras do tráfico.
O proxecto acolleuse ao plan complementario de obras do POS+ 2017 e este mesmo xoves a Xunta de Goberno Local deulle luz verde ao inicio do procedemento de licitación da obra. Nos próximos días sairá publicada no Perfil de Contratante do Concello. A través desta plataforma tamén se convocaron nas últimas dúas semanas os contratos de mellora do camiño do Cádavo ás Chancas, o reforzo do firme en tres vías municipais -a Rúa Unión, o camiño de Mundín e o camiño de Lourenzá- e a eliminación das verteduras residuais en San Valentín, que suman en conxunto un total de 302.000 euros destinados a obra pública.