Os concellos dánlle a última volta ao regulamento do Punto Limpo do Vilar do Colo

Os concellos dánlle a última volta ao regulamento do Punto Limpo do Vilar do Colo

A xuntanza serviu para pulir o texto final sobre o que xa houbera acordo en xaneiro do ano pasado pero que, porén, agora incorporará  cambios na literatura suxeridos por Cabanas, entre eles o da propia denominación do centro de recollida para deixar patente a cotitulariedade das instalacións. Co acordo alcanzado, todo apunta a que tanto Fene como Cabanas poderán levar aos seus respectivos plenos o convenio de colaboración entrambos municipios e o regulamento de funcionamento, mentres que os demais consistorios implicados deberán facer o propio co compromiso de adhesión ao servizo.

O primeiro documento que deberán validar Cabanas e Fene será o convenio de colaboración entre os dous concellos para ratificar a fórmula de xestión do punto limpo, que se fará mediante un contrato de servizos. Iso si,antes de contratar a xestión  será necesario ter aprobado o regulamento de funcionamento do centro e, en base a el, o estudo económico que fundamentará a licitación pública. A ela poderanse presentar empresas do sector, aínda que se prevé incluír nas cláusulas da convocatoria unha maior puntuación para aquelas de iniciativa social ou que fomenten a integración laboral de persoas con necesidades especiais.

O contido do regulamento mantense practicamente igual que hai un ano e, a raíz da xuntanza desta mañá, só se lle incorporaron pequenos cambios no texto. Os máis relevantes, o de denominar as instalacións como "Punto Limpo do Vilar do Colo", deixando patente a cotitulariedade das instalacións, e a engádega no artigo relativo aos obxectivos de que a recollida selectiva dos resíduos "favorecerá as taxas de reciclaxe nos concellos".

Outro dos compromisos adoptados na xuntanza foi o de que os plenos de Fene e Cabanas someterán a votación o convenio de colaboración e mailo regulamento, que nestes días lles será exposto aos grupos da oposición dos dous concellos. En paralelo, os outros tres municipios implicados -Ares, Mugardos e Neda- tamén deberán levar a pleno a súa adhesión á xestión conxunta do servizo por parte de Fene e Cabanas e de financiar a parte que lles corresponda do custe da concesión.

O regulamento deberá exporse de novo ao público cos cambios antes e  despois do trámite plenario e, tan pronto como a aprobación sexa definitiva, elaborarase o estudo económico no que se reflictan os custes de mantemento. Posteriormente licitarase o contrato para a posta en marcha dunhas instalacións finalizadas en outubro de 2013 cun investimento próximo aos 241.000 euros, dentro do Plan de Xestión de Resíduos Urbanos de Galicia 2010-2020.

Ligazóns