Alumnos de soldadura do IES de Fene fabricarán o novo portalón do ximnasio da Casa da Cultura
19-03-2018
O documento rubricado por Trigo, a directora do centro, María Nogareda, e o xefe do departamento de soldadura, Alberto Caaveiro, establece que o Concello lle entregará ao IES de Fene as tubaxes, as chapas, as bisagras e outros elementos precisos para fabricar a estrutura metálica, que terá cadansúa folla de 1,5 m. de ancho por 3,2 m. de alto así como unha pequena porta nun dos paneis.
Segundo o acordo, o proceso de fabricación "concíbese como un exercicio práctico de aprendizaxe" que, tal e como se engade desde o goberno local, lle permitirá ao alumnado afrontar unha experiencia idéntica á que van atopar no futuro, cando se incorporen ao mundo laboral.
Nestes momentos o IES de Fene conta con 15 rapaces que están estudando o ciclo de soldadura e caldeiraría. Trala sinatura do convenio, a directora do centro e o profesor encargado desta área intercambiaron impresións co executivo local sobre a importancia de accións deste tipo que contribúen á motivación formativa dos futuros soldadores e soldadoras.
Sobre esta cuestión tamén se expresou o compromiso municipal de mediar co tecido empresarial para incrementar a oferta de prácticas tanto para esta como para outras disciplinas que se imparten no instituto.