A chegada do bo tempo marca o inicio das obras na Avenida das Pías
22-03-2018
A principios desta semana comezaron os traballos de reurbanización da marxe dereita da Avenida das Pías. Un proxecto do que se encarga a empresa Ogmios Proyecto Construcción S.L. logo de facerse co contrato licitado polo Concello cunha oferta de 244.601,50€ e un prazo de execución de dous meses. As obras, financiadas con cargo ao PAS 2015, consistirán na renovación completa das beiravías e os servizos desde a saída da rotonda de Navantia ata o cruzamento de Fene, co obxectivo de facer a zona máis segura e accesible. Malia que a adxudicación se fixo hai xa algún tempo, o inicio dos traballos debeu agardar a que se concretase coas empresas subministradoras de gas e comunicacións a posibilidade de aproveitar o levantamento do terreo para soterrar outras conducións. Ademais, tanto a construtora como o propio Concello optaron por esperar a que o tempo se estabilizase tralos sucesivos temporais que azoutaron a comarca desde finais do ano pasado.
O proxecto vén completar a reparación e a mellora da accesibilidade en toda a avenida despois dos traballos acometidos con anterioridade na beira norte. As obras non serán un simple lavado de cara, senón que tamén se ocuparán de infraestruturas soterradas De feito, o plan de traballo contempla a renovación das redes de abastecemento de auga que discorren pola marxe sur da estrada FE-14, posto que teñen unha antigüidade superior a 40 anos e son foco habitual de roturas e fugas.
As novas tubaxes instalaranse nun entramado de preto dun quilómetro, incluíndo os ramais para abastecer as acometidas domiciliarias existentes, e estarán realizadas en fundición e polietileno. As augas derivaranse cara un novo colector de saneamento, que se situará na marxe dereita da avenida. Ademais tamén se aplicará unha impermeabilización asfáltica bicapa nas cubertas dos sotos, co obxectivo de evitar futuras humidades.
Con todo, a obra encerra certa complexidade técnica, posto que en todo o proceso deberán permanecer intactas as canalizacións do saneamento, algo que obriga aos operarios a ir avanzando con moito tino coa escavadora que traballa na zona desde este mércores. O arranque do proxecto produciuse preto da rotonda de Navantia-Fene, á altura do portal 35 do edificio Las Pías. A área está protexida por un valado metálico e por conos. Neste sentido desde o Concello pídenselles escusas á veciñanza e aos locais hostaleiros e comerciais polos inconvenientes que poidan causar as obras que, en calquera caso, se acelerarán no posible.
Ademais da infraestrutura hidráulica, a segunda parte do proxecto tamén se centra na accesibilidade, renovando as beirarrúas nesta banda da avenida que quedaba pendente. O deseño técnico inclúe a colocación dun novo enlousado ao longo de todo o trazado obxecto da actuación onde, ademais, se construirán rebaixas para persoas con mobilidade reducida.
Por outra banda, nos planos tamén aparece a mellora do acceso peonil á igrexa de Perlío desde a Avenida das Pías. O resto dos pavimentos afectados polas obras reporanse con rego asfáltico e aplicarase pintura específica con textura antideslizante nos pasos peonís.
Os labores iniciados esta semana acumularon varios meses de retraso pola complexidade técnica de estudar e valorar toda a documentación presentada polas 27 empresas concursantes e, máis que nada, porque o Concello houbo de agardar pola autorización de ADIF antes incluso de comezar coa licitación, posto que o proxecto lle afecta ao viaduto que sortea a liña férrea e a rúa Tellerías.
Á demora no comezo dos traballos tamén contribuiu a coordinación con empresas como R Cable, Telefónica e Gas Natural Fenosa, a quen se lles comunicou a posibilidade de aproveitar as obras para repoñer infraestruturas ou instalar outras novas. Unha opción da que, segundo o Goberno local, só botará man a empresa gaseira nunha das partes do trazado. Outro dos aspectos que aconsellou agardar á primavera para empezar as tarefas de reurbanización foi o do tempo atmosférico, logo dun inverno de auga e temporais que, segundo parece, chegaron á súa fin.
O contrato das obras saiu a concurso no mes de marzo pasado cun prezo de partida de 293.504,35 euros (355.140,26 ive incluído) que tralo proceso de licitación quedou nos 244.601,50€ -ive incluído- propostos por Ogmios Proyecto Construcción S.L. A empresa con sede en Culleredo presentou na súa oferta un prazo máximo de execución de 60 días. O importe custearase con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación da Coruña.