Gumersindo Galego novo alcalde de Fene
09-04-2018
Foi o Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Ferrol quen resolveu recentemente recoñecerlles a Castro e a Bastida a súa condición de integrantes de grupo propio -Somos Fene- e tamén quen ordenou mediante un auto que se retomase a sesión levantada o 26 de outubro.
Superado o punto onde o pleno de moción de censura quedara suspendido en outubro, chegaron as intervencións do aspirante á alcaldía, Gumersindo Galego, e do alcalde censurado, Juventino Trigo.
A orde do día do pleno adentrouse despois desta primeira rolda de intervencións na quenda dos grupos políticos. A diferenza doutras sesións en que existen turnos de réplica, nesta o procedemento só marca unha única intervención de cada grupo antes de votar a moción e, en consecuencia, o nomeamento de novo alcalde.
Tralo reconto de votos da secretaria -9 ( 7 do PP e 2 de Somos Fene) a favor, 3 abstencións (PSdeG-PSOE) e 5 en contra (BNG e EU-IU)- Gumersindo Galego prometeu o cargo pouco despois das 13.00h, volvendo a converterse en alcalde de Fene, cargo que xa ocupara entre 2011 e 2015. O novo rexedor informou que se convocará "o antes posible" o pleno de organización do Concello, onde se asignarán as delegacións do tamén novo equipo de goberno.