Obradoiro de participación pública da Infraestrutura Verde na Área da Coruña,
12-04-2018
A Alianza Aresana acollerá o xoves 12 un obradoiro sobre a Infraestrutura Verde da Área da Coruña. A iniciativa está enmarcada dentro dun proxecto de ordenación ambiental no que colaboran a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Fundación Juana de Vega, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos.
Trátase dunha iniciativa que busca unha ordenación integral deste territorio desde o punto de vista ambiental, na que se definirá unha rede de zonas naturais e seminaturais deseñada e xestionada para protexer a biodiversidade e proporcionar servizos ecosistémicos: purificación da auga e do aire, almacenamento de carbono, fertilidade do chan, aforro de enerxía, adaptación ao cambio climático…
Esta estratexia marcará o DESENVOLVEMENTO DAS ACCIÓNS DE FUTURO EN CONSERVACIÓN E PROMOCIÓN DAS ÁREAS DE INTERESE AMBIENTAL, OCIO DE NATUREZA E XESTIÓN DOS RECURSOS PROPIOS da área da Coruña.
O obradoiro participativo que se celebrará en Ares está destinado conxuntamente aos concellos de Ares, Mugardos e Fene. A sesión desenvolverase ás 18.30 horas e está dirixida aos diversos axentes que se verían afectados directa ou indirectamente pola infraestrutura verde (agricultores e propietarios forestais, comerciantes, traballadores/as da construción, industria e servizos, mozos/as, xubilados, persoas dedicadas ás labores do fogar, responsables políticos, entidades sociais, etc.).