O Concello de Fene celebra este sábado a súa Xuntanza de Palilleiras e outras labores tradicionais
25-04-2018
O Concello de Fene, a través da Concellería de Promoción Económica que dirixe César Castro, organiza este sábado, 28 de abril, a tradicional Xuntanza de Palilleiras e outras labores tradicionais.
Preto de 530 palilleiras chegadas de diferentes localidades da xeografía galega teñen confirmada a súa asistencia á cita, que dará comezo ás 10,30 horas coa apertura do pavillón da Xunqueira, en San Valentín, e a recepción ós participantes.
Así mesmo, a inauguración da xuntanza está prevista para as 11,30 horas e, a partir dese momento, o público asistente poderá comprobar a depurada técnica e traballo de palilleiras de todas as idades. Así mesmo, uns 50 postos de venda de artesanía instalaranse tamén no pavillón.
O programa da xuntanza inclúe outras actividades complementarias, como as actuacións das formacións fenesas TradiCoro (ás 12,45 horas) e Cantareiras Xirifeiras (ás 17,30 h), ou o sorteo de agasallos (13,15 h e 18 h). O encontro desenvolverase en horario de mañá ata as 14 horas e de tarde, de 16 a 19 horas, e convertirá a Fene en capital galega dos bolillos.
A cita está organizada pola Concellería de Promoción Económica de Fene e nela colaboran o proxecto Fene Vivo, a Asociación de Veciños San Xurxo de Magalofes, o CPS San Valentín, a Asociación Veciñal de Sillobre, a AVV de Limodre, a ACDR Liga de Amigos de Barallobre e a banda de gaitas Airiños de Fene.