Educación amplía os equipamentos informáticos do CEIP Plurilingüe de Centieiras

Educación amplía os equipamentos informáticos do CEIP Plurilingüe de Centieiras

O xefe territorial da Consellería, Indalecio Cabana, xunto ó alcalde, Gumersindo Galego, visitou na mañá de onte o centro educativo fenés.

O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana, xunto ó alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e a edil de área, Ana Novo, realizaron o pasado luns 7 de maio unha visita ó CEIP Plurilingüe de Centieiras para manter unha xuntanza de traballo coa directora, Raquel Abella, e a xefa de estudos, Chus Martínez. Na mesma, Cabana interesouse polo destino dos novos equipos informáticos que a consellería vén de incorporar ó centro educativo. Seis novos equipos que ampliarán os medios da Aula Informática e tamén substituirán a algún ordeador das aulas.


Así mesmo, no encontro, as responsables do colexio fenés trasladáronlle a necesidade de acometer algunhas melloras nas instalacións, tal como a substitución dos ventanais da aula de ximnasia para mellorar o illamento do espazo. Unha intervención que Indalecio Cabana considerou prioritaria, comprometéndose a realizar unha valoración técnica como paso previo para a súa execución, que estimou podería levarse a cabo coincidindo coas vacacións de verán.