O Concello adxudica as obras de acondicionamento da rúa Alta, en Perlío

O Concello adxudica as obras de acondicionamento da rúa Alta, en Perlío

O alcalde, Gumersindo Galego, sinala que a intervención conta cun orzamento de 44.000 euros e un prazo de execución de dous meses

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, avanzou esta mañá que o Concello vén de adxudicar as obras de acondicionamento da rúa Alta, en Perlío. A elas se destinará un investimento de 44.000 euros. A intervención, cun prazo de execución de dous meses a partir da sinatura do contrato, consistirá fundamentalmente no aglomerado da vía, a dotación de pasos peonís sobreelevados cos que tentar reducir a velocidade dos vehículos e traballos de sinalización horizontal e vertical.


A obra levarase a cabo na citada rúa dende o cruce coa Avenida de Tarrío e ata a Rúa Travesa, un treito duns 565 metros cun ancho de seis. Segundo explicou o alcalde, os traballos están máis que xustificados polo avanzado estado de deterioro da vía, sobre a que non se actúa dende hai tempo. Trátase dunha rúa, ademáis, cun índice intenso de tráfico dada a súa cercanía ó colexio Jorge Juan e ó CEIP Centieiras.