As mellores tapas creativas e tradicionais poderán degustarse en Fene dende este xoves

As mellores tapas creativas e tradicionais poderán degustarse en Fene dende este xoves

Saborear as tapas ten premio, como unha viaxe a Londres, Milán, Barcelona, Madrid ou Málaga ou unha escapada rural a elixir entre 280 establecementos

O concelleiro de Promoción Económica, César Castro, presentaba esta mañá en rolda de prensa a undécima edición do Concurso de Tapas de Fene. Un certame no que participarán un total de 20 establecementos hostaleiros para ofrecer, dende este xoves e ata o próximo 9 de xuño, as súas mellores e máis saborosas propostas culinarias en formato tapa. Castro destacou a importancia da cita, incluída no programa Fene Vivo-Vén a Fene, para dar a coñecer entre veciñanza, e sobre todo clientela do resto da comarca, as excelencias dos negocios locais. Así mesmo, apuntou que o Concello promocionará o certame a través da nova APP Quedamosdetapas. Unha aplicación que se pode descargar usando o código QR que aparece nos dípticos do certame ou directamente de AppStore ou Google Play.


O certame desenvolverase os xoves (de 20 a 22 h), venres (de 20 a 22 h) e sábados (de 13 a 15 h e de 20 a 22 h) nas datas sinaladas. Os establecementos participantes concorren en dúas categorías: tapa tradicional e tapa creativa. No primeiro caso, atópase a AVV de Magalofes coa súa tortilla de pescada e gambas; D´Antón Café, coa tapa Sofía; o Café-Bar El Camarote cos seus Ovos á escocesa; Jesy Bar e as súas Breadas; Bar O Centro, coas súas Patacas Maripuri; Cantina O Pote coa Torti pizza; O Son de Cociña co 25 Cociña; Os Remos coa súa Mariñeira aos Remos; Cafetería Bombay cunha Carne con ameixas, e Vichelocrego, que presenta unha tapa con zorza, cachelos e queixo San Simón. No apartado de tapa creativa preséntanse Café-Bar A Ponte e a súa tapa A Dorna; Bicos Gastrobar cos seus Tigres de Batea “A nosa maneira”; Café-Bar Friends coa Croqueta deluxe; Cafetería Lembranza co seu Noodles; O Arrecendo coa Sorpresa Arrecendo; O Encontro de Leo´s co seu cus cús al frutti di mare; O Pazo coa tapa O enredo de Brais; Pachamama coa tosta de brandada e tomatiños asados con almíbar de albahaca; Café-Bar Vitis coa tapa Chupa o Pao, e Cafetería Xala cunha tosta de millo con tomate cherry, ovo de codorniz, xamón e pemento de Padrón.


A mellor tapa nunha e noutra categoría sairá da decisión dun xurado integrado polo edil de Promoción Económica, César Castro; Xoán Manoel Ramos Reigosa, presidente da asociación de comercio, hostalería e servizos O Cruceiro, e José Manuel Loureiro Vázquez, mestre de cociña. Así mesmo, a clientela será a encargada de decidir a mellor tapa popular creativa e mellor tapa popular tradicional. Para iso, deberán realizar a Fenerruta, coa que poderán percorrer os establecementos participantes e ir selando aqueles que visitan e nos que degustan a tapa do concurso.

Así mesmo, non faltará a animación a pé de rúa, como reclamo para acudir ós establecementos e participar no certame.

Entre todos os votantes que selen correctamente a fenerruta, sortearanse os seguintes premios: unha viaxe a Londres, Milán, Barcelona, Madrid ou Málaga con saída dende os aeroportos de Santiago ou Coruña segundo o caso e cunha estancia de tres días e dúas noites (por cortesía de Estrella Galicia); unha escapada rural (estancia dunha noite para dúas persoas con almorzo incluído a elixir entre 280 establecementos -por cortesía de Organiza Turismo Y Eventos-); unha limpeza de tapicería dun turismo (por cortesía de Ecolimpauto) ou un bono de tres meses no ximnasio Fitness Fene para unha persoa (por cortesía de Fitness Fene).


Así mesmo, todas aquelas tarxetas cumprimentadas polos clientes nos propios establecementos entrarán no sorteo dun pequeno electrodoméstico (por cortesía de Electro Agro Fene); catro estuches de productos de Bodegas Barral (por cortesía de Bodegas Barral); un mes de clase en calquera modalidade, na Escola de Música Bellón-Maceiras (por cortesía do centro), e un libro de cociña (cortesía de Imprenta San Esteban).


De igual xeito, a clientela non será a única que teña premio neste certame. Así, o establecemento que se alce coa mellor tapa creativa recibirá un trofeo e unha suscrición de 6 meses na Escola Materchef por cortesía de Santa Compaña Producciones. Pola súa banda, o vencedor no eido de mellor tapa tradicional recibirá un trofeo e unha suscrición de 6 meses na Escola Materchef por cortesía de ICOOK Escola de Cociña. A relación de premiados completarase coa mellor tapa popular creativa (un trofeo e un libro de cociña por cortesía de Imprenta San Esteban); mellor tapa popular tradicional (trofeo e un libro de cociña por cortesía de Imprenta San Esteban); segunda mellor tapa creativa (trofeo); segunda mellor tapa tradicional (trofeo); segunda mellor tapa popular creativa (trofeo) e segunda mellor tapa popular popular (trofeo).