A mostra que conmemora os 20 anos do Fondo Galego de Cooperación prolonga a súa estancia en Fene ata o 22 de xuño
04-06-2018
A exposición, deseñada por Pepe Carreiro, permanecerá en maio no CPI A Xunqueira para dar a coñecer o labor da entidade, da que o municipio é socio
A mostra coa que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemora os seus vinte anos de andaina permanecerá no CPI A Xunqueira, ata o 22 de xuño. Amplía así o prazo previsto inicialmente (31 de maio). A exposición ‘20 anos a Fondo coa solidariedade’ permite divulgar o labor realizado por esta entidade, recoñecida como axencia municipal da cooperación galega, da que o Concello de Fene forma parte activa.
Con esta exposición se cumpre o obxectivo de sensibilizar e concienciar desenvolvendo actividades educativas.
Dar a coñecer a contribución de deputacións e concellos á erradicación das desigualdades Norte-Sur, ao tempo que se fomenta unha opinión pública favorable á cooperación para o desenvolvemento, é o obxectivo desta exposición, que contou no seu novidoso deseño co ilustrador Pepe Carreiro, autor dos sonados Bolechas. Os paneis fan un repaso pola orixe do Fondo Galego, os proxectos apoiados ao longo destas dúas décadas en países empobrecidos ou as actividades de sensibilización implementadas en Galicia, entre outros contidos.
O Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 94 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.