A Fashion Night de Fene incluirá desfiles, baile, concertos, obradoiros, degustacións, sorteos… e moitos descontos e promocións
11-06-2018
Celebrarase o sábado 16 de xuño cunha temática circense
O alcalde, Gumersindo Galego, e o concelleiro de Promoción Económica, César Castro, presentaron na mañá do venres a cita, que o Concello promove en colaboración coa Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro
Desfiles, baile, música, sorteos, obradoiros, degustacións… e moitos descontos e promocións son tan só algúns dos reclamos da Fashion Night de Fene que se celebrará o vindeiro sábado 16 de xuño. Unha cita que esta mañá presentaban na Casa do Concello o alcalde, Gumersindo Galego, e o concelleiro de Promoción Económica, César Castro, e na que aproveitaban a ocasión para convidar á veciñanza de toda a comarca a achegarse ata Fene e disfrutar durante todo día dunha xornada cargada de sorpresas a pé de rúa.
Na organización Concello e Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro volven aúnar esforzos e, finalmente, serán 42 establecementos ós adheridos á programación prevista (20 comercios, 12 negocios hostaleiros e 10 de servizos).
Así mesmo, e como principal novidade, nesta edición a Fashion Night terá unha temática específica e esta será o circo. De aí que a animación a pé de rúa esté protagonizada por malabaristas, clowns, zancudos… e cuestión que tamén se notará na decoración dos establecementos.
As actividades comezarán xa ó mediodía con obradoiros de calceta, ganchillo, manualidades e talleres de saúde. Continuarán pola tarde, centrados nos máis pequenos da casa, con obradoiros de contacontos, pintacaras ou confección de elementos decorativos con goma eva. Así mesmo, as academias de baile do municipio –Fusion Dance, Paso a Paso e Boris Pico- realizarán exhibicións na praza do Concello e na praza do Perla ó longo do día e haberá tres concertos pola noite. O peche prevese de madrugada e, para iso, non faltarán actividades e propostas.
O evento inclúese no programa Fene Vivo Vén a Fene e busca consolidarse como un auténtico referente na comarca. Dará continuidade ó certame de pinchos que actualmente se desenvolve no municipio, ofrecendo novas razóns para acudir ó municipio, realizar nel compras e tamén disfrutar da súa hostalería. Unha iniciativa, ó mesmo tempo, de impulso á economía local.