Bicos Gastrobar, Cafetería Bombay, Pachamamá e Vichelocrego, gañadores do XI Certame de Tapas de Fene

Bicos Gastrobar, Cafetería Bombay, Pachamamá e Vichelocrego, gañadores do XI Certame de Tapas de Fene

A clientela premiou as propostas de Pachamamá e Vichelocrego

 O XI Concurso de Tapas de Fene xa ten gañadores. O Concello daba a coñecer os gañadores onte á tarde e, en presenza do alcalde, Gumersindo Galego, e do edil de Promoción Económica, César Castro, procedía á entrega dos galardóns. Uns premios moi reñidos pola alta calidade das propostas presentadas ó certame, no que tomaron parte 20 establecementos do municipio. A clientela selou 8.441 tarxetas, cubríronse 174 fenerrutas –con cuño en todos os locais- e, a través da APP creada ex profeso para o certame, realizáronse 9.772 visualizacións das tapas e 457 dos locais participantes.


No apartado de mellor tapa creativa, Bicos Gastrobar alzouse co primeiro premio grazas ós seus Tigres de batea “Á nosa maneira” e, en segundo lugar, quedou Cervecería Friends coa súa Croqueta deluxe. A mellor tapa tradicional, segundo o xurado, serviuse na Cafetería Bombay: Carne con ameixas, quedando de subcampiona a tapa “25 Cociña”, de O Son de Cociña.


Respecto ás preferencias do público, o premio á mellor tapa popular creativa recaeu na Tosta de brandada e tomatiños asados con almíbar de albahaca de Pachamamá, e en segundo lugar, a tapa Noodles do Lembranza. E na categoría de mellor tapa popular tradicional a clientela decantouse pola “Zorza? Cachelos, San Simón” de Vichelocrego e, en segundo lugar, a Carne con ameixas do Bombay.


O xurado estivo integrado polo edil de Promoción Económica, César Castro; Xoán Manoel Ramos Reigosa, presidente da asociación de comercio, hostalería e servizos O Cruceiro, e José Manuel Loureiro Vázquez, mestre de cociña. Ambos presentes onte na entrega.


Por último, sorteáronse os premios entre os clientes participantes (1 pequeno electrodoméstico (cedido por Electroagro); 4 estuches produtos (Bodegas Barral); 1 libro de cociña (Imprenta San Esteban); 1 mes clase (Escola de Música Bellón-Maceiras); limpeza tapicería turismo (Ecolimpauto); 3 meses ximnasio (Fitness Fene); 1 escapada rural (Organiza Turismo e Eventos) e e 1 viaxe a Londres, Milán, Barcelona, Madrid ou Málaga (Estrella Galicia)).