O Concello autoriza as pantallas de televisión nas terrazas da hostalería durante o Mundial

O Concello autoriza as pantallas de televisión nas terrazas da hostalería durante o Mundial

O alcalde, Gumersindo Galego, asinou esta mañá un bando que permitirá á clientela dos locais feneses seguir a competición dende as terrazas

Os establecementos de hostalería de Fene que dispoñan de licenza para a instalación de terrazas poden, dende hoxe e ata o vindeiro 15 de xullo, habilitar nestes espazos aparellos de imaxe e son. Isto é, pantallas de televisión. O alcalde, Gumersindo Galego, informou de que vén de asinar un bando municipal que autoriza expresamente esta medida e, así, os locais quedan eximidos do cumprimento do artigo 4.1 da ordenanza reguladora de terrazas que contempla a prohibición. Unha prohibición adoptada no seu día para cumprir coa normativa autonómica en materia de ruidos.


Segundo explica o rexidor, a medida estará vixente durante a celebración do Mundial de Fútbol e asúmese para respaldar o labor do sector, xa que son moitos os afeccionados que optan por seguir os partidos dende os locais de hostalería. E, agora, poderán facelo tamén dende as súas terrazas sempre e cando o tempo acompañe.