O Concello procede á limpeza do cauce do río Cádavo nos tramos urbanos para evitar as recurrentes inundacións no inverno

O Concello procede á limpeza do cauce do río Cádavo nos tramos urbanos para evitar as recurrentes inundacións no inverno

Augas de Galicia dá o visto bo ó proxecto redactado pola Administración local fenesa, que está a investir 8.000 euros na intervención

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou esta mañá de que o Concello está a levar a cabo os traballos de limpeza do cauce do río Cádavo nos tramos que discorren por solo urbano. Actuará así en suma ó longo de 480 metros repartidos en catros treitos localizados. O rexidor explica que o obxectivo é claro: evitar as inundacións que, cada inverno, se rexistran polo desbordamento do río, especialmente no seu treito final, en Perlío. Os traballos contan cun orzamento de 8.000 euros.


Nesta liña, o alcalde explica que, como pasos previos ós traballos que se están executando na actualidade, o Concello elaborou un proxecto de intervención que trasladou a Augas de Galicia co ánimo de recibir a correspondente autorización. A intención, sempre, foi realizar as labores coa suficiente antelación para que cando comecen as choivas e o caudal medre non se repetisen os episodios dos últimos anos.


Así foi e este mes arrancaban as actuacións, cun cronograma estruturado en catro zonas. A primeira, o entorno do paso baixo a avenida Marqués de Figueroa, onde se rexistra unha sedimentación de arrastres e, no tramo final, unha ocupación do cauce e beiras por maleza. Dadas as súas características, calquera obstrucción no cauce reduce a velocidade de circulación e provoca anegamentos na zona inferior de Perlío. De aí que fose tan necesaria a limpeza concluída estes días neste treito de 100 metros.


A segunda área é a rúa San Salvador. O río cruza baixo a vía ata un tramo entubado e soterrado. No tramo augas arriba, debido ó cambio de dirección no estrubo da ponte prodúcese sedimentación de arrastres e a existencia de vexetación lateral reduce a sección, co que a actuación limitouse á limpeza puntual de sedimentos e desbroce e retirada de maleza das beiras. A lonxitude sobre a que se actuou foi de 30 metros.
A terceira zona é o tramo do Parque do Cádavo. O río ten aquí dous cauces: o principal e a saída do antigo muíño que, cun caudal moi reducido, discorre polo interior do parque. A lonxitude total de actuación na zona foi de 340 metros, limitándose á limpeza puntual de sedimentos e desbroce e retirada de maleza das beiras.


E, por último, o estanque do Concello. Neste punto prodúcese unha continua acumulación de sedimentos que, de non retirarse, rematan cun crecemento excesivo de vexetación provocando á súa vez a sedimentación de materiais no paso baixo a Rúa do Concello e a consecuente reducción da sección útil baixo a rúa. A intervención céntrase nunha superficie aproximada de 90 metros cadrados.