Fene rebaixa ata nun 95% o IBI, ICIO e IAE ós novos proxectos empresariais en Vilar do Colo

Fene rebaixa ata nun 95% o IBI, ICIO e IAE ós novos proxectos empresariais en Vilar do Colo

A concelleira de Facenda, Rocío Bértoa, informa da entrada en vigor das bonificacións fiscais aprobadas a primeiros do mes de xuño polo Concello

Empresas e autónomos que desexen instalarse no polígono de Vilar do Colo e poñer en marcha un novo proxecto empresarial poderán optar a importantes bonificacións no Imposto de Bens Inmobles (IBI), no Imposto de Actividades Económicas (IAE) e Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). Rebaixas que, segundo explica a concelleira de Facenda, Rocío Bértoa, poden alcanzar o 95%. Así se recolle nas modificacións das correspondentes ordenanzas fiscais, aprobadas no pleno do mes de xuño e hoxe xa en vigor.

Rocío Bértoa explica que con estas medidas o Concello, que aprobou tamén a súa adhesión á rede Concellos Doing Business Galicia, busca atraer novas empresas e proxectos ó polígono, xerando á súa vez novos postos de traballo.


Precisamente, as bonificacións aplicaranse a aquelas actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego. E, no caso de IBI e ICIO, unicamente a aqueles supostos de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aqueles outros que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego.