Homenaxe póstumo a don Elías Seoane Ramírez, párroco de Barallobre durante 63 anos
24-07-2018
O Concello de Fene organiza o acto, que terá lugar este xoves coincidindo coa procesión do Carmen, e no que se descubrirá un monolito na súa lembranza
A parroquia de Barallobre acollerá este xoves, 26 de xullo, unha sentida homenaxe póstuma a don Elías Seoane Ramírez, o que fora o seu párroco durante 63 anos, entre o 20 de decembro de 1953 e o 15 de setembro de 2016. Coincidirá coa procesión do Carmen, sobre ás 10,30 horas, nada máis rematar a misa, e terá lugar fronte á casa reitoral. Presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, á cita confirmou a súa asistencia o vicario territorial da Coruña, José Luis Veira Cores, e no transcurso da mesma está previsto descubrir un monolito en lembranza de don Elías.
O acto, organizado pola Concellería de Promoción Turística da que é responsable Juan José Franco, inclúese no programa municipal Ven a Fene e, máis concretamente, Ven a Barallobre.