Conferencia este xoves de Vicente Araguas, Henrique Sanfiz e Carlos Neira sobre a historia da capela e romaría de Santa Ana

Conferencia este xoves de Vicente Araguas, Henrique Sanfiz e Carlos Neira sobre a historia da capela e romaría de Santa Ana

Con entrada libre, dará comezo ás 20 horas no salón de plenos da consistorial

Será unha ponencia previa á propia romaría, que este ano Concello e tecido asociativo recuperan tras 23 anos sen celebrarse

O escritor Vicente Araguas; o historiador e director de RadioFene Henrique Sanfiz e o ex concelleiro fenés Carlos Neira, descendente da familia que ergueu a capela de Santa Ana, serán os ponentes da conferencia arredor da romaría de Santa Ana que o Concello organiza este xoves, 26 de xullo, no salón de plenos da casa consistorial de Fene a partir das 20 horas. Unha conferencia que servirá tamén de carta de presentación da cita, que terá lugar o domingo, 29 de xullo, despois de 23 anos sen celebrarse. Polo de pronto, este xoves, a veciñanza está convidada á conferencia, na que os tres ponentes abordarán os vínculos da capela de Santa Ana co Camiño Inglés, falarán das referencias á historia da propia capela e tratarán recordos familiares.

 

 

Xa o domingo, en Santa Ana, celebrarase a Romaría. A partir das 11 horas está convocada unha concentración na Casa do Concello para saír ás 11,30 h cara a capela. Á chegada, servirase un refrixerio e callos. O programa continuará ás 13,30 h coa misa e a procesión e, de seguido, celebrarase a sesión vermut. A mediodía, servirase o xantar que, a prezo de 10 euros, incluirá churrasco e mexilóns. As reservas poden realizarse no teléfono 670 831 522. Actuará o grupo de música folk Boj e haberá inchables para os máis pequenos da casa.

Conferencia e romaría están organizadas pola Concellería de Promoción Económica que dirixe César Castro, e inclúense no programa municipal Vén a Fene. Así mesmo, as entidades Os Tadetas, AVV Fene, CMIU Fene, AVV de Magalofes –que preparará o churrasco- e Asociación de Amas de Casa tamén colaboran no proxecto.

Ligazóns