O Concello de Fene aproba os seus primeiros orzamentos nos últimos tres anos
31-07-2018
As contas ascenden a 10,6 millóns de euros, cifra que superará os 13 millóns ó contabilizar as subvencións e achegas procedentes doutras administracións
A concelleira de Facenda, Rocío Bértoa, destaca que Fene deixa atrás tres anos de contas prorrogadas e dá luz verde ó documento mestre da xestión municipal
En catro meses, o goberno municipal de Fene chegaba ó pleno extraordinario celebrado onte coa súa proposta de orzamentos para o presente exercicio. Unhas contas que saían adiante cos votos favorables do executivo municipal integrado por PP e Somos Fene e que ascenden a 10.640.588,60 euros. Unha cifra que superará os 13 millóns unha vez se contabilicen as subvencións e achegas procedentes doutras administracións como Deputación e Xunta. A edil de Facenda, Rocío Bértoa, destacaba que son os primeiros orzamentos que o Concello aproba nos últimos tres anos, o que lle permitirá deixar atrás unhas contas prorrogadas que non fan máis que lastrar a xestión municipal. Aínda así, é consciente do escaso periodo de vixencia que terá o documento mestre da xestión municipal, polo que traballa en paralelo na elaboración dos orzamentos para o 2019, de modo que entren en vigor en plazo, o 1 de xaneiro.
Bértoa definiu as contas para este ano como realistas e cun claro obxectivo: garantizar os compromisos adquiridos pola Administración local, especialmente no capítulo de pago de servizos e proveedores. Sinalou tamén que as contas contemplan os incrementos salariais previstos para este 2018 e unha serie de investimentos como os previstos en seguridade cidadá; servizos básicos como alumbrado, melloras nas instalacións deportivas ou avances na implantación da administración electrónica e, por tanto, na simplificación da burocracia administrativa para ofrecer un mellor servizo á cidadanía. Así mesmo, explicou que as intervencións de maior calado financiaranse con cargo ós plans provinciais, así como co superávit. Neste sentido, sinalou que no pleno do vindeiro xoves, 2 de agosto, o goberno local levará unha proposta para dotar de financiación dúas importantes actuacións: a cubrición da pista deportiva de Centieiras e o aglomerado da rúa Porto do Río.
A edil tamén apuntou que os ingresos previstos nos orzamentos baixan uns 91.000 euros respecto ás contas de 2014, as últimas aprobadas durante o anterior mandato popular, cuestión que analizará de cara á elaboración do documento para o 2019.
Así as cousas, tras o visto bo do pleno na sesión celebrada onte, as contas pasarán a exposición pública por espazo de 15 días hábiles para a presentación de alegacións.