Fene celebrará este domingo as primeiras Rutas Indianas con todas as prazas cubertas

Fene celebrará este domingo as primeiras Rutas Indianas con todas as prazas cubertas

O Concello viuse obrigado a ampliar de dúas a catro as saídas previstas

120 veciños tomarán parte nos percorridos, que se realizarán nun bus de época, contarán con representacións teatrais e as explicacións do arquitecto Carlos Ardá.

A resposta veciñal superou as mellores expectativas e o Concello de Fene viuse obrigado a ampliar o número de Rutas Indianas que celebrará o vindeiro domingo 26 de agosto, coincidindo coa Festa do Pote de Maniños. Nesta liña, o concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, explicaba esta mañá que se trata dunha iniciativa novidosa, que se pon primeira vez en marcha este ano e que a excelente resposta ofrecida por veciños e veciñas xa fai pensar en reeditala o vindeiro ano. As Rutas Indianas inclúense no proxecto Fene Vivo, Vén a Fene, Vén a Maniños e, finalmente, realizaranse catro saídas no lugar das dúas previstas inicialmente. En total, participarán nas mesmas 120 persoas.

Partirán así ás 11, ás 12,30, ás 16 e ás 17,30 horas do local da asociación O Pote e o itinerario incluirá unha serie de paradas nos lugares máis emblemáticos da arquitectura e a cultura indiana do Concello de Fene.
Un dos principais atractivos é que as rutas realizaranse nun bus de época, así como que as persoas participantes contarán coas explicacións do arquitecto e experto na materia, Carlos Ardá. Ademais haberá pequenas teatralizacións nas que dúas figuras deses anos como son Antonio Fernández "O Adriano" e "A Florista" serán os grandes protagonistas. E, completando o programa, ós participantes nas rutas ofreceráselles tamén unha degustación na propia Festa do Pote.
Desde o Concello, Juan José Franco resalta a boa acollida que tivo a inciativa e pide desculpas a todas as persoas que nesta edición non obtiveron praza, factor que se terá en conta para posteriores edicións.