O Concello de Fene inicia as obras para dotar ó CEIP do Ramo dun novo comedor
O alcalde, Gumersindo Galego, explica que o número de usuarios do servizo incrementouse dende os 4 ata os 68 deste curso en apenas seis anos
03-09-2018
Segundo explicaba o alcalde, Gumersindo Galego, o incremento experimentado na matrícula nos últimos anos e, especialmente no número de usuarios do servizo de comedor, está detrás da necesidade de executar esta intervención. Así, a cifra de alumnos matriculados pasou de 78 a 143 en apenas seis anos e de 4 nenos que utilizaban o comedor ata os 68 que o farán este ano.
En base a estes números, Galego sinala que os 37 metros cadrados que ocupaba ata o momento o comedor quedaban máis que escasos polo que, dacordo coa comunidade educativa, decidiuse levar a cabo a actuación de ampliación.
O espazo do antigo comedor acondicionarase agora como ludoteca do centro e habilitarase un novo comedor duns 70 metros cadrados (que permitirá duplicar o espazo existente ata o momento). Situarase no espazo anexo ó salón de actos e as obras en marcha inclúen a dotación dun pequeno office para dar servizo ó comedor.
Ademais, ampliarase a beirarrúa exterior para facilitar o acceso do suministro de comidas e executarase unha rampa entre o interior e a terraza exterior.
Obras de accesibilidade
Sen saír do mesmo centro, Gumersindo Galego informou de que o Concello tamén está a realizar outra actuación en materia de accesibilidade. Así, estase a crear un itinerario accesible de caucho que facilite o paso de estudantes en cadeira de rodas dende a rampa exterior e a zona de xogos destinada ó alumnado de Educación Infantil. Unha actuación que se completará co acondicionamento dos elementos de xogo.