Subiranse ó escenario Wyoming & Los Insolventes, Avalanch, Stoned at Pompeii, Ultima Experiencia, BSide, Farrapo de Gaita, Javi Maneiro, InnsBruck, Arrhythmia e Los Alcántara
Un cartel de luxo para o XVI FeneRock
12-09-2018
Celebrarase esta fin de semana no paseo marítimo de San Valentín. Con entrada de balde, haberá zona de acampada gratuíta
Wyoming & Los Insolventes, Avalanch, Stoned at Pompeii, Última Experiencia, BSide, Farrapo de Gaita, Javi Maneiro, InnsBruck, Arrhythmia e Los Alcántara forman parte dun dos mellores carteis do FeneRock. O que se celebrará este venres 14, sábado 15 e domingo 16 de setembro no paseo marítimo de San Valentín. Con entrada de balde, baixo carpa, zona de acampada gratuíta, exclusivos food trucks e, esencialmente, a mellor música, alcanza así a súa XVI edición. Esta mañá, a concelleira de Cultura de Fene, Rocío Bértoa, e o músico Miguel Rodeiro, en representación da organización, presentaban na casa consistorial o festival e daban conta de todos os detalles.
Así, Rocío Bértoa sinalaba que se trataba dunha presentación entre comillas, xa que cando remata cada edición do festival todo o mundo xa está pensando na seguinte, reservando na axenda da primeira quincena de setembro esa data para acudir á cita. Trátase pois, segundo a concelleira, dun festival consolidado, pero que ó mesmo tempo medra ano tras ano en número de participantes e afluencia de público, cunha organización que se supera edición tras edición. Así, tras calificar como espectacular o FeneRock do 2017 mostrouse convencida de que este aínda será moito mellor. Por último, e antes de animar á cidadanía a tomar parte no festival, agradeceu o traballo da organización, así como que sempre conte co Concello.
Pola súa banda, Miguel Rodeiro destacou a calidade do cartel, así como que a organización continúa este ano coa política de contar con grupos da casa como BSide, Innsbruck, Farrapo de Gaita ou Los Alcantára. Todos eles, bandas da zona.
Tirando de cartel, Rodeiro sinalou que o venres o festival arrancará ás 22 horas. Subiranse ó escenario Avalanch, un grupo que está arriba de todo no heavy español, e no que toca tamén un músico do municipio de Ares; os madrileños Última Experiencia, un trío potentísimo, que presentarán o seu último disco; Stoned at Pompeii, unha banda con gran proxección e presenza en todos os festivais de Galicia, e BSide, un grupo formado polo mellorciño dos músicos de Ferrol.
O sábado ó mediodía, a partir das 12 horas, o FeneRock volverá a contar con animación infantil, repetindo a experiencia do pasado ano, que tan boa acollida tivo, así como sesión vermú a cargo dos locais Farrapo de Gaita.
Pola noite, o cartel estará integrado por Arrithymia, grupo da Comunidade que canta en galego e que veñen pegando moi forte; Innsbruck, que xoga na casa, formado por rapaces de Fene; Javi Maneiro, o cantante de Herdeiros, que presentará no festival o seu disco, e pechando a noite, broche de ouro con Wyoming & Los Insolventes. Volveu dicir si ó festival, sinalaba Rodeiro.
Xa o domingo, está previsto o xantar popular con Los Alcántara, un clásico coas súas particulares versións dos 70.
Por último, Miguel Rodeiro quixo agradecer o apoio constante ó longo destes 16 anos do Concello, así como a implicación do CPS de San Valentín. E, tamén, a colaboración de institucións como a Deputación e firmas como Estrella Galicia e Coca Cola