Concello e Confraría inician a presentación da Guía de Artes e Especies Fene Mar Vivo entre a comunidade educativa
O acto celebrado esta mañá para o alumnado do CEIP Plurilingüe O Ramo incluiu unha charla, a visita ás instalacións da cofraría e unha saída á ribeira de Barallobre para coñecer o traballo dos m
25-09-2018
O alcalde, Gumersindo Galego, xunto ós concelleiros de Promoción Turística, Juan José Franco, e Educación, Ana Novo, e o biólogo da Confraría de Barallobre, Joám Luis Ferreiro, presentaron esta mañá a Guía de Artes e Especies de Fene Mar Vivo para un público moi especial, os preto de medio centenar de estudantes de 2º, 3º e 4º curso de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe O Ramo, acompañados polas súas mestras. A Confraría de Barallobre foi o escenario onde se desenvolveu o acto, que comezaba cunhas palabras do rexidor. Gumersindo Galego mostraba a satisfacción do Concello por contar con estes pequenos para presentar a publicación, editada en tres idiomas –galego, castelán e inglés-, coa que non só se pretenden divulgar os recursos da ría e o labor diario dos traballadores e traballadoras do mar senón que tamén se busca a preservación do medio, a través da implicación de todos.
De seguido, o biólogo Joám Luis Ferreiro ofrecía unha charla ó público infantil sobre as especies que se poden atopar na ría, abordando tamén o traballo dos 130 mariscadores, a pé e a flote, que traballan na confraría. Unha charla na que rapaces e rapazas tomaron a palabra nunha morea de ocasións, dando resposta ás preguntas do ponente pero tamén buscando explicacións a inquietudes planteadas.
A charla concluía co bautismo dos dous protagonistas da guía editada polo Concello. A honra recaía no estudantado que, a través dunha votación in situ, elixía os nomes de María e Xaquín para as personaxes principais da publicación.
De aí, a actividade continuaba cunha visita ás instalacións da confraría e, por último, a comitiva saía cara a ribeira de Barallobre onde os rapaces e rapazas disfrutaron do entorno, buscaron e identificaron cunchas e achegáronse ás labores de marisqueo.
Así mesmo, Juan José Franco incidiu tamén en que a guía, incluída no proxecto Fene Vivo, tamén se convertirá nun recurso turístico de primeiro orde para o municipio e estará a disposición de veciños e visitantes na Oficina Municipal de Turismo. Así mesmo, dende o Concello avánzase que a partir do mes de novembro programaranse novas visitas escolares, co obxectivo de que o alumnado de todos os centros educativos do municipio participen deste tipo de actividades.