O Concello aproba rebaixas nos recibos do IBI, lixo e rodaxe e servizos do cemiterio para aliviar a presión fiscal dos veciños
15-10-2018
Cumpre o compromiso adquirido polo alcalde de Fene, Gumersindo Galego, de revisar á baixa os tipos impositivos unha vez que o Concello logrou deixar a cero a débeda bancaria
O IBI pasa do 0,64 ó 0,60 nos inmobles de natureza urbana e rústica
Créase unha tarifa reducida na taxa do lixo para os locais sen actividade
Apróbanse bonificacións na rodaxe para vehículos respectuosos co medio ambiente e os conductores con discapacidade, con independencia do grao de minusvalía, quedarán exentos de abonar a taxa
No servizo de cemiterios abógase por evitar duplicidades no pago das taxas nos casos de exhumacións e inhumacións, como ocorría ata agora
A partir do 1 de xaneiro de 2019, os veciños e veciñas de Fene pagarán menos polo recibo do Imposto de Bens Inmobles –IBI-, polo imposto de vehículos de tracción mecánica –coñecido popularmente como rodaxe- , pola taxa de recollida de residuos sólidos urbanos –lixo- e polos servizos do cemiterio municipal.
Esta mañá, o pleno reunido en sesión extraordinaria daba luz verde á modificación das correspondentes ordenanzas a proposta do goberno local integrado por PP e Somos Fene. Unha modificación que establece importantes rebaixas e bonificacións e que, tal e como sinalou o alcalde, Gumersindo Galego, suporán unha menor presión fiscal para a veciñanza. Precisamente, dase cumprimento ó compromiso adquirido polo rexidor de revisar as ordenanzas unha vez o Concello lograse deixar a cero a débeda bancaria. Cuestión que acadaba o pasado mes de agosto.
Así as cousas, o pleno aprobou unha significativa rebaixa no IBI, que pasará agora do 0,64% ó 0,60%, tanto para bens de natureza urbana como rústica. Tamén respecto ó IBI, acordáronse bonificacións do 75% no recibo para as familias numerosas de categoría especial e do 50% para as familias numerosas en xeral. Iso si, sempre que o inmoble sexa vivenda habitual para toda a familia.
Respecto á rodaxe, a edil de Facenda, Rocío Bértoa, explicou que o obxectivo foi bonificar ós propietarios de vehículos menos contaminantes, que aposten polo medio ambiente e busquen aminorar as emisións. Con esa filosofía, aprobáronse bonificacións do 75% durante 6 anos naturais dende a súa matriculación para os vehículos híbridos e a mesma porcentaxe para aqueles con motor eléctrico e-ou emisións nulas. Neste último caso, a bonificación ten carácter indefinido. Aqueles outros vehículos que empreguen combustible biogás, gas natural comprimido, metano, metanol, hidróxeno e GLP ou mixtos GLP-gasolina en motores de ciclo OTTO tamén se beneficiarán das bonificacións. Finalmente, coas modificacións acordadas, os conductores con discapacidade recoñecida quedarán exentos do pago, con independencia de que o grao de minusvalía sexa igual ou superior ó 33% como ocorre ata o dagora. Síguese así unha recomendación da Deputación provincial ó respecto, que marca esta liña de actuación. En todo caso, o vehículo ten que estar ó seu nome e o seu uso ten que ser exclusivo por parte do titular.
Ademais, a concelleira Rocío Bértoa apuntou que o pleno deu luz verde á creación dunha tarifa única de 91,19 euros no servizo de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos para aqueles locais comerciais e empresariais sen actividade. Apunta que o recibo oscila entre os 667,42 euros que debe abonar un hipermercado e os 138,15 euros que paga un despacho profesional, por exemplo. Con ou sen actividade, a lei obriga ó pago dunha taxa por este concepto e, por iso, a edil sinala que coa creación desta nova tarifa reducida se alivia a carga fiscal para os propietarios daqueles inmobles que ostentan o uso comercial ou empresarial pero que no periodo impositivo estiveron baleiros. Sen actividade. O obxectivo, sen dúbida, pasa por aminorar a súa carga fiscal.
Respecto á modificación da ordenanza que regula os servizos no cemiterio municipal, Bértoa explicou que o obxectivo foi evitar duplicidades no pago. Así, no caso de exhumacións e inhumacións de restos cadavéricos liquidarase unha única taxa por permiso de apertura, con independencia do número de persoas para as que se solicite a licenza sempre e cando se realice no mesmo acto e no mesmo nicho. Tamén se rebaixa a taxa por traslado de cinzas dos 105 euros actuais ós 50 aprobados.
Agora, as ordenanzas pasarán a exposición pública por espazo de 30 días hábiles. Se non se presentasen alegacións quedarían automáticamente aprobadas. En caso contrario, terían que volver a pleno para a súa estimación ou estimación e, os textos resultantes, terían que publicarse no Boletín Oficial da Provincia como paso previo para a súa aprobación definitiva.
Por último, Rocío Bértoa destacou o alcance das iniciativas aprobadas para o bolsillo da cidadanía e asegurou que o seu obxectivo é continuar nesta liña, realizando unha nova revisión das ordenanzas en 2019 para continuar adaptándoas a unha realidade sempre cambiante. En todo caso, solicitou da totalidade da corporación sumarse a esta liña de traballo de modo que, con independencia de quen ostente as labores de goberno, se primen iniciativas que repercuten directa e positivamente na economía dos veciños e veciñas e, por tanto, na do propio Concello.