Nova oportunidade esta fin de semana para saborear un mar de tapas en Fene
18-10-2018
Trece locais ofrecen dende venres ata domingo as súas mellores propostas culinarias no certame que organizan Concello e Asociación O Cruceiro
A partir deste venres e ata o vindeiro domingo, veciños e veciñas teñen unha nova oportunidade para disfrutar dun mar de tapas en Fene da man dos trece establecementos hostaleiros que participan no certame gastronómico promovido pola Concellería de Promoción Turística e a Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro. En horario de 13 a 15 e de 20,30 a 22,30 horas venres e sábado e de mediodía o domingo, como mínimo, Arrecendo, Asociación Veciñal de Magalofes, Café Bar A Ponte, Café Pachamamá, Cafetería Bombay, Cafetería Lembranza, Cafetería Xala, Cervexería Friends, D3, Gastrobar Bicos, Jesy Bar, O Son da Cociña e O Lar de Kike ofrecerán auténticas delicatessem ó prezo único de 1,5 euros.
O certame Fene, un Mar de Tapas busca incentivar a cultura do tapeo no municipio, revalorizar os produtos autóctonos e de proximidade, nomeadamente peixes e mariscos da ría e promocionar o sector hostaleiro tanto no concello como no resto da comarca.
Así mesmo, o público poderá votar polas súas tapas preferidas e, aqueles que completen a ruta por todos os establecementos participantes, entrarán no sorteo dun bono para dúas persoas con almorzo campestre incluído no programa de turismo rural Cabañitas del Bosque. Así mesmo, un xurado profesional tamén realizará a súa particular ronda para valorar as propostas culinarias.
O Concello de Fene pon a disposición da clientela a APP Quedamosdetapas, onde ofrecerá toda a información sobre o certame, incluído no programa Fene Vivo Ven a Fene.
Os locais participantes e as súas propostas son: Arrecendo –Petisco da ría-, Asociación Veciñal de Magalofes por partida dobre –con Tosta de lacón en salsa de cogomelos e mexillóns Magalofes-, Café Bar A Ponte –Fol de Mar-, Café Pachamamá –Tronco de terra, mar e aire-, Cafetería Bombay –Chipirón en salsa-, Cafetería Lembranza –Tosta de outono-, Cafetería Xala –Pastel frío de marisco-, Cervexería Friends por partida triple –Dim sum de liscos, Regaña albanesa e Mar de fondo-, D3 –Vieira con ceviche-, Gastrobar Bicos –Bicos galegos-, Jesy Bar por partida doble –Atascaburras e Chipiróns-, O Lar de Kike –Chipirón envolto en bacon- e O Son da Cociña por partida doble –A nosa tosta e Porco de mare-.