Aprobada en pleno unha modificación de crédito para financiar as actuacións con cargo ó remanente de tesourería
O Concello investirá uns 80.000 euros en obras na fachada do CPI A Xunqueira e nos vestiarios do campo dos Pinares
Tamén se levará a cabo o aglomerado de camiños por valor de 39.000 euros e a adquisición dun vehículo de atestados para a Policía Local por 58.000
02-11-2018
Tras conseguir deixar a cero a débeda bancaria, o Concello de Fene está en disposición de recurrir ó superávit para financiar obras e actuacións demandadas pola veciñanza. Con este obxectivo, o goberno local integrado por PP e Somos Fene levaba ó pleno do pasado mércores unha modificación de crédito que permitirá dotar de orzamento unha serie de actuacións en materia de obras e adquisición de equipamento.
En concreto, o alcalde, Gumersindo Galego, detallou que a proposta aprobada inclúe o aglomerado da rúa Do Forno e da rúa Os Casais, por un importe conxunto de 38.917 euros. Intervencións coas que dar resposta ó deteriorado estado do firme.
Tamén as obras de acondicionamento da fachada do CPI A Xunqueira, moi afectada pola falta de mantenemento, que requerirá dun investimento de 37.981,65 euros. A reforma dos vestiarios do campo de fútbol dos Pinares, que precisará dun orzamento de 39.986,02 euros, e a creación dun punto de encontro na Galiña Azul, por un importe de 18.029,46 euros, e que suporá unha mellora nas condicións de seguridade do inmoble.
Por último, contémplase tamén a adquisición dun vehículo de atestados para a Policía Local. Será cun investimento de 58.000 euros e traerá consigo unha importante mellora na labor que desenvolven no día a día os axentes municipais. Un vehículo que permitirá realizar en mellores condicións os atestados e prestar un servizo óptimo.
O pleno, amáis de aprobar a modificación de crédito, acordou a declaración das intervencións como investimentos financieramente sustentables. Agora, os acordos
pasarán a publicación en boletín oficial e exposición pública por espazo de 15 días e, acto seguido, a contratación.