Arranca en Fene o curso de carpintería e moble do obradoiro de emprego REINICIA V
08-11-2018
Os alumnos e alumnas que toman parte na iniciativa realizarán, na súa fase práctica, traballos nos centros educativos de Fene, no Mosteiro de Santa Catalina de Ares ou na Escola Laica de Cabanas
O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, xunto ó concelleiro de Formación, Juan José Franco, visitou esta mañá ós alumnos e alumnas que iniciaron este mes o curso “Traballos de carpintería e moble“ de nivel 1, unha das dúas especialidades do Obradoiro Dual de Emprego REINICIA V que promoven os concellos de Ares, Cabanas, Fene, Mugardos e Neda.
A acción formativa, de nove meses de duración, estase a desenvolver na Nave Municipal de San Marcos, na parroquia de Sillobre, e na mesma participan dez alumnos e alumnas. Dito obradoiro combina formación e traballo, polo que os seus alumnos teñen un contrato de formación.
Nesta liña, o alcalde avanzou que na fase práctica os participantes levarán a cabo diferentes traballos nos respectivos municipios. No caso de Fene, traballarán na reposición de material de carpintería en diversos centros de ensinanza e tamén actuarán en elementos urbanos da localidade. Así mesmo, en Ares realizarán tarefas de carpintería exterior das plantas baixa e primeira do Mosteiro de Santa Catalina e, en Cabanas, concentrarán a súa actividade no exterior da Escola Laica.