O Concello de Fene conclúe os traballos de renovación de todas as lámpadas do alumbrado público do barrio de San Valentín

O Concello de Fene conclúe os traballos de renovación de todas as lámpadas do alumbrado público do barrio de San Valentín

O alcalde, Gumersindo Galego, apunta que a intervención permitirá reducir a contaminación lumínica, rebaixar a factura e mellorar o servizo

O alcalde, Gumersindo Galego, informou da conclusión dos traballos de renovación de todas as lámpadas do alumbrado público do barrio de San Valentín. Unha intervención orzamentada en 47.333,66 euros, partida que está subvencionada ó 60% pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia.


Deste xeito, os traballos permitirán, segundo as estimacións municipais, unha triple vantaxa: reducir a contaminación lumínica, ó recortar un 82% as emisións de CO2; unha reducción do consumo enerxético anual, do 69%, e un aforro na factura eléctrica, do 64%, pasando dos 4.604,93 ós 1.670,40 euros.


Así as cousas, Gumersindo Galego detalla que as instalacións anteriores atopábanse deterioradas, con tecnoloxía obsoleta e baixa eficiencia. Ademais, traían consigo un sobre custe económico para o Concello, dado o pésimo rendemento da tecnoloxía instalada. De aí que a actuación contemplase a substitución das lámpadas e luminarias de vapor de sodio por luminarias novas de tecnoloxía LED máis eficientes, que incorporan ópticas específicas para conseguir unha distribución da luz adecuada, minimizando as perdas no entorno e concentrando a potencia lumínica nas zonas a iluminar. Así mesmo, as luminarias incorporan fontes de alimentación de tipo electrónico de elevado rendemento e cun consumo enerxético moito menor que os anteriores balastros. Non só iso, tamén son regulables, de modo que a partir dunha hora previamente programada se poida baixar a luminosidade.


Deste xeito, a intervención permitirá a maiores mellorar a calidade do servizo prestado polo Concello e reduciranse as tarefas de mantemento, xa que a vida útil das lámpadas LED é catro veces superior ás de vapor de socio.