O Concello conclúe a limpeza das beiras do cauce do río Cádavo para previr inundacións

O Concello conclúe a limpeza das beiras do cauce do río Cádavo para previr inundacións

Os traballos complementaron á intervención realizada no cauce

O concelleiro de Medio Ambiente, César Castro, informou esta mañá do remate dos traballos de limpeza das beiras do cauce do río Cádavo. Unha medida coa que, sinalou, se busca actuar para previr desbordamentos e inundacións nestes meses de choiva. Non só iso, tamén acondicionar o cauce para a posta en valor deste espazo como zona de paseo e ocio da veciñanza.


Así as cousas, os traballos contemplaron a limpeza das beiras do río dende o estanque do Concello ata as casas de Astano; o desbroce e limpeza da baranda do propio estanque; a retirada de ramas que obstaculizaban o paso natural do cauce ou daquelas que corrían o perigo de caer ou romper, e elimináronse malas herbas en varios puntos que exercían de tapón natural. Ademais, retiráronse restos de biomasa arrastrada polas correntes, a crecida ou directamente das árbores, así como restos de lixo e plásticos. En todo caso, o edil sinala que o Concello actuará próximamente no cauce á altura das casas de Astano, pero con outro tipo de maquinaria especial.


As labores contaron cun orzamento de 9.360 euros, procedentes de fondos municipais, e un prazo de execución dun mes.


Esta intervención vén a completar a realizada hai uns meses, cando se levaba a cabo a limpeza do cauce do río Cádavo nos tramos que discorren por solo urbano -o entorno do paso baixo a avenida Marqués de Figueroa, a rúa San Salvador, o tramo do Parque do Cádavo e o estanque do Concello-. Actuábase en suma ó longo de 480 metros repartidos en catros treitos localizados co mesmo obxectivo: evitar as inundacións que, cada inverno, se rexistran polo desbordamento do río, especialmente no seu treito final, en Perlío.