Arrancan as obras de mellora do camiño do Cádavo ás Chancas cun orzamento cercano ós 74.000 euros
05-12-2018
O alcalde, Gumersindo Galego, avanza que a intervención contempla obras na rede de abastecemento de auga potable e no pavimento
O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá do inicio das obras de adecuación e mellora do camiño do Cádavo ás Chancas, na parroquia de Perlío. Unha intervención na que se están a investir 73.771 euros procedentes do POS+ 2017 e que estará rematada antes de que acabe o ano.
O paso do tempo e o intenso tráfico que rexistra o camiño derivaron nun evidente deterioro do vial que agora se pretende remediar. Será no treito que arranca da ponte sobre o río Magalofes ata a parte alta, nas Chancas. Uns 235 metros con graves deficiencias no firme e incluso con ausencia del en zonas puntuais. Así as cousas, a intervención contempla a pavimentación do vial.
Pero previamente, executaranse obras de mellora na rede de abastecemento de auga potable, moi antiga e con constantes roturas e avarías. Así mesmo, dotarase ó camiño dunha rede de saneamento de augas pluviais para evitar que estas circulen libremente sobre a vía na época de choivas.