Alcalde e concelleira de Ensino visitan o novo comedor escolar do CEIP O Ramo
07-12-2018
O centro conta agora cun comedor adaptado ó incremento do número de usuarios experimentado nos últimos seis anos, que pasou dos 4 ós 68
O alcalde, Gumersindo Galego, e a concelleira de Ensino, Ana Novo, visitaron o novo comedor escolar do CEIP Plurilingüe do Ramo tras as obras realizadas polo Concello de Fene. Na mesma, estiveron acompañados pola xefa de estudos, Lucía Rojo. Nesta liña, o alcalde destacou que o acondicionamento deste novo espazo permitiu dar resposta ó significativo incremento do número de usuarios do comedor experimentado nos últimos seis anos, que pasou dos 4 ata os 68 do presente curso. Deste xeito, o anterior habitáculo, de tan só 37 metros cadrados, quedábase ben escaso e de aí a actuación realizada. Nela investíronse 10.782,64 euros con cargo ás arcas locais.
Ademais, o espazo do antigo comedor acondicionouse como ludoteca do centro,
dacordo coa comunidade educativa. Pola súa banda, o novo comedor conta agora
cuns 70 metros cadrados e sitúase no espazo anexo ó salón de actos e inclúe tamén un pequeno office para darlle servizo ó comedor. Así mesmo, o Concello ampliou a beirarrúa exterior para facilitar o acceso do suministro de comidas e executou unha rampa entre o interior e a terraza exterior.
Noutro orde de cousas, aínda que no mesmo centro, o Concello tamén realizou nos últimos meses outra actuación en materia de accesibilidade, creando un itinerario de caucho que facilita o paso de estudantes en cadeira de rodas dende a rampa exterior e a zona de xogos destinada ó alumnado de Educación Infantil. Unha actuación que se completou co acondicionamento dos elementos de xogo.