Concello e comercio propoñen adiantar as compras de Nadal con promocións, sorteos e agasallos

Concello e comercio propoñen adiantar as compras de Nadal con promocións, sorteos e agasallos

O edil de Promoción Económica, César Castro, anima a veciños e visitantes a mercar en Fene e sumarse a esta campaña especial que impulsan Concello e asociación O Cruceiro de xoves a sábado

Baixo o lema “Adianta o teu Nadal. Merca en Fene, todo queda na casa”, Concello e comercio de proximidade poñen en marcha este xoves, venres e sábado unha campaña especial coa que favorecer as compras nestas épocas tan especiais. Para iso, o concelleiro de Promoción Económica, César Castro, avanza que os establecementos feneses ofrecerán promocións e descontos e, cada cliente, recibirá vales para participar no sorteo de tres cestas valoradas en máis de 150 euros cada unha. Sorteo que se celebrará o vindeiro 21 de decembro ás 11 horas no salón de plenos da casa consistorial.


Así mesmo, as rúas da cidade contarán con ambientación musical e, máis concretamente, as tradicionais panxoliñas. O ambiente festivo completarase con decoración propia destas datas, como guirnaldas. Sempre, seguindo unha liña homoxéna que permita identificar os establecementos adheridos á iniciativa. A maioría deles, pertencentes á asociación de comercio, hostalería e servizos O Cruceiro, entidade que colabora activamente no proxecto, tal e como destaca o concelleiro.


Ademais, Castro sinala que o Concello repartirá 2.500 bolsas elaboradas con material reciclado e reutilizable e, como non, Papá Noel anticipará a súa visita ós fogares do municipio cun percorrido polos establecementos. Máis concretamente, xoves e venres en horario de tarde e o sábado, de mañá e tarde.

Alicientes todos eles para atraer a veciños e visitantes ó comercio local e favorecer as compras en establecementos cuxa seña de identidade é a calidade e bo trato