O Concello convida a vir a Perlío para disfrutar da obra “O Encoro Enmeigado” de Monicreques de Kukas

O Concello convida a vir a Perlío para disfrutar da obra “O Encoro Enmeigado” de Monicreques de Kukas

A compañía de teatro de marionetas máis antiga de Galicia visitará o municipio para ofrecer a súa función este sábado a partir das 18 horas

O concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, convida a nenos e maiores, veciños e visitantes, a asistir este sábado, 22 de decembro, ó espectáculo “O Encoro Enmeigado”, a cargo da prestixiosa compañía Monicreques de Kukas, a compañía de teatro de marionetas máis antiga de Galicia e unha das máis recoñecidas do panorama teatral galego. A súa función inclúese no marco do programa “Vén a Perlío-Fene Vivo”, terá lugar no CCRD de Perlío e comezará ás 18 horas con entrada libre e de balde. Así mesmo, dende o Concello cursouse convite ós centros educativos e se animen a disfrutar dunha obra única.


Neste espectáculo póñense en valor os elementos da nosa tradición xunto a problemas que o mundo moderno ten que enfrontar como a utilización dos recursos naturais para producir enerxía e como se pode chegar a un equilibrio co ecosistema sen deixar de lado o progreso. E todo elo nunha montaxe que mestura pasado e presente, maxia e realidade, respecto polo medio ambiente e progreso sostible nunha posta en escena divertida, poética e plásticamente moi entretida para o espectador.


Monicreques de Kukas foi fundada en 1979 por Marcelino de Santiago (Kukas) e Isabel Rey Pousada e, con máis de 40 espectáculos producidos neste tempo, o seu traballo céntrase na investigación e creación de novos prototipos de marionetas que lles permiten realizar espectáculos de gran formato dirixidos a todo tipo de públicos.